parlamento galego

BNG levará ao Pleno o sistema de financiamento autonómico asinado polo PP e que fixo que Galiza perdese 14.000 millóns

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil empraza ao Goberno de Rueda a deixar de actuar ao ditado de Génova  e negociar unha reforma xusta con máis fondos para educación ou sanidade

O PP volve vetar a comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar as “ocorrencias” da Xunta para paliar a falta de médicos durante o verán

O sistema de financiamento autonómico e a súa necesaria reforma será o principal tema que o BNG levará ao Pleno da próxima semana, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitará para preguntar por esta cuestión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

En concreto, Pontón preguntará polas medidas que o Executivo do PP prevé impulsar para mellorar o sistema vixente, tal e como adiantou hoxe a portavoz do grupo do BNG tras a Xunta de Portavoces. Un sistema, denunciou Rodil, que “discrimina” a Galiza e que foi “asinado do seu puño e letra” polo líder do PP en 2009, Alberto Núñez Feijóo, sendo presidente do Goberno galego.

“No BNG temos claro que non imos aceptar ningún sistema de financiamento que prexudique a Galiza”, asegurou a deputada nacionalista, quen subliñou que o método de reparto actual, apoiado polo PP, supuxo para o País perder ata 14.000 millóns de euros, tal e como sinalou o Consello de Contas nun dos seus informes. “14.000 millóns que perde a sanidade e a educación públicas”, remarcou, para advertir a continuación que  “tratar igual o que é diferente supón unha discriminación”. “Galiza non é Catalunya, non é Andalucía e tampouco é Madrid e, polo tanto, non pode aplicárselle o mesmo criterio que a estes ou outros territorios”, asegurou.

É por iso que emprazou ao Goberno de Rueda a “deixar de facer seguidismo dos ditados de Génova”, poñéndose a traballar en defensa dos intereses dos galegos e as galegas. Reclamou así ao PP que, para empezar, desconxele a comisión de estudo que se creou na pasada lexislatura para acordar unha proposta de País na reforma do sistema de financiamento, tal e como propón o Goberno alternativo do BNG, que aposta ademais por que exixir ao Goberno do Estado unha negociación directa coa Xunta. Estas dúas propostas tamén serán debatidas no Pleno grazas a unha moción do Bloque.

A situación da sanidade de cara ao verán será outra das cuestións centrais dentro do paquete de iniciativas nacionalistas no Pleno. Rodil lamentou, neste sentido, que o PP vetase unha vez máis á comparecencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para explicar as “ocorrencias”  que contempla o Plan de continxencias aprobado esta semana polo Consello de Xunta para paliar a falta de médicos, agudizada nos meses estivais.

Criticou, neste sentido, que o Goberno de Rueda esperase ata mediados de xuño para aprobar un plan que contempla que os médicos que veñen a Galiza de vacacións pasen consulta, que médicos itinerantes “vaian danzando” dun centro de saúde a outro ou “sobrecargar” ao persoal do 061 para que pasen consulta nun centro de saúde cando non estea de garda en emerxencias.

“A idea estrela do PP é que os médicos que xa hai sacrifiquen o seu tempo de descanso para arranxarlle a papeleta. É un despropósito”, concluíu, para avanzar que o BNG seguirá insistindo no deterioro do sistema público de sanidade. Neste pleno, en concreto, levará a debate a falta de persoal no Valadouro, onde levan dende finais de 2023 sen o persoal suficiente, e do peche do centro de saúde de Doiras, no Concello de Cervantes.

As iniciativas do Bloque para a reunión plenaria da próxima semana complétanse con dúas proposicións de lei. A primeira para pedir “luz e taquígrafos” diante dos “enganos” cos que o Goberno do Estado pretende negar a Galiza o dereito a unha autoestrada galega e libre de peaxes.

O BNG propón un estudio sobre os custes do rescate da AP-9

“Estes días vemos danzar cifras sobre o que custaría o rescate e un día son 2.000 millóns e outros 4.000 millóns”, afeou Rodil, para explicar que a proposta do BNG a debater inclúe elaborar nun prazo de tres meses un estudo xurídico sobre as vías posibles para acadar a anulación da prórroga de 25 anos de concesión outorgada polo PP á concesionaria da AP-9 e cuestionada agora pola Comisión Europea. A alternativa do Bloque pasa tamén por encargar un estudio sobre canto lle custaría ao Estado o rescate da concesión e a asunción directa da autoestrada.

A segunda proposición non de lei do BNG servirá para someter a votación a recuperación da gratuidade dos libros de texto para o próximo curso escolar, proposta que o BNG incluíu seu programa de goberno nas últimas eleccións autonómicas, tal e como recordou Olalla Rodil, que subliñou neste sentido que foi o PP decidiu hai xa quince anos suprimir dita gratuidade por “sectarismo político”, causando un “enorme prexuízo” ás familias traballadores deste País con nenos en idade escolar. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG