O BNG pídelle á Xunta que non aplique as probas de avaliación e reválidas da LOMCE

Vence critica que a Xunta sexa pioneira na aplicación dunha lei “regresiva, selectiva, clasista e centralizadora”

Xavier Vence e Cosme Pombo. Foto: Europa Press

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pediulle hoxe á Xunta que atenda as demandas da comunidade educativa para non aplicar as probas de avaliación e reválidas da Lomce en Galiza, “unhas probas que desvalorizan a función principal do profesorado e introducen un factor de distorsión no noso proceso educativo, ata agora sempre baseado na avaliación continua”, destacou Vence hoxe en rolda de prensa.

Vence criticou as présas que se está dando a Consellería de Educación na aplicación da Lomce (Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa), que só están levando a un “proceso absolutamente atropelado e caótico de implantación desta lei no noso país, con consecuencias moi negativas para o funcionamento do noso sistema educativo e que está sendo precisamente denunciado pola comunidade educativa”.

Deste xeito, o BNG súmase ás iniciativas e propostas da comunidade educativa de Galiza para que non se apliquen este tipo de probas, tanto as singulares de avaliación como as reválidas de finais de ciclo. “Cremos que é importante que non se implante este sistema de probas selectivas excluentes e antisociais e polo tanto todos que traballen nesta dirección contan co respaldo do BNG”, explicou o portavoz nacional. Recalcou ademais que para o BNG é inamisible esa “teima da dereita de clasificar aos nenos e nenas xa dende o berce para reservar os mellores itinerarios para os fillos dos máis ricos”.

Norma regresiva e clasista

O portavoz nacional pediulle hoxe á Xunta que se dirixa a Madrid para eliminar estas probas, ou en todo caso, que dende aquí a Consellería non as aplique en Galiza. Vence lembrou que o BNG xa vén solicitando dende a súa aprobación a retirada ou non aplicación da Lomce, unha norma “regresista, selectiva, clasista, centralizadora e elitista”.

Despois de solicitar dende o principio á Xunta a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra esta norma por invasión de competencias, dende o BNG tamén se lle reclama á Xunta que, ao igual que están facendo outras comunidades autónomas, negocien con Madrid unha delegación de competencias para poder aplicar con criterios propios en Galiza todo o que se deriva da lexislación estatal sobre educación.

Dende o BNG, sinalou o portavoz nacional, tamén se está en contra dos contidos destas probas de avaliación e reválidas, xa que se fixan en Madrid e deixan fóra do proceso avaliativo os contidos propios de Galiza, en canto a historia, xeografía, lingua ou outros específicos. Por iso o BNG xa ten presentado no Parlamento galego o pasado 24 de abril diversas iniciativas para que se retiren estas probas.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG