Rosana Pérez pediu a Margallo a suspensión "sine die" da venda de armas a Israel

COMISION EDUCACION 005A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez dirixiuse ao Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, que comparecía no Congreso, para demandarlle a suspensión total da venda de armas e da colaboración con Israel debido ao incumprimento flagrante dos tratados internacionais en materia de dereitos humanos polos ataques contra a poboación palestiniana.

Lembrou que o brutal ataque de Israel no mes de xullo provocou máis de dous mil mortos, miles de feridos e a destrucción total da franxa de Gaza. Instou ao Ministro de Exteriores a apoiar a proposta de Resolución que realiza Palestina ante as Nacións Unidas para pór fin ao bloqueo sobre Gaza.

Non poden permitirse máis ataques ao pobo palestiniano

Acusou ao Goberno español e ao resto de Gobernos europeos de falla de contundencia ante tanta barbarie practicada polo estado hebreo. “As declaracións do Goberno español e da UE non van máis alá de horrorizarse polo saldo de mortos civís, pero finalmente a súa actuación se caracteriza pola pasividade, pola inacción e polo doble raseiro”. Nese sentido, afirmou que “non se pode comparara nin de lonxe a situación de Israel coa de Palestina. Moitas asociacións de dereitos humanos denuncian constantemente a falla de proporcionalidade”.

“Que ten pensado facer para presionar eficazmente a Israel para que poña fin de maneira indefinida aos continuos ataques sobre o pobo palestiniano?”, inqueriu a Margallo.

Criticou a falla de presión sobre Israel tanto por parte do Executivo español como da UE. “Nunca presionan o suficiente para que Israel acate e cumpra coas distintas resolucións da ONU ou co Convenio de Xenebra”. Preguntou a Margallo se “están vostedes dispostos a exixir a Israel a retirada das tropas da franxa de Gaza, e se están dispostos a mediar para que se levante o criminal bloqueo que padece Gaza desde hai oito anos”.

Unha das cuestións sobre as que insistiu a deputada do BNG foi na relativa á suspensión da venda de armas a Israel “sine die”. Demandou ao Ministro de Exteriores unha ampliación da axuda humanitaria.

UCRANIA: “o efecto boomerang das sancións a Rusia”

Na súa comparecencia desta mañá, Margallo tamén aludiu á situación de Ucrania, outro dos temas que se abordaron. Nesta cuestión, Rosana Pérez lembrou que hoxe se ratificaba no Parlamento Europeo o Tratado de Comercio UE-Ucrania.

“Está claro que desde a UE se optou desde o primeiro momento por favorecer que o acordo comercial avance a costa do que sexa”. Recriminou “a precipitación coa que se actuou, apoiando a un Goberno que saiu do derrocamento dun Goberno lexítimo”. Tamén criticou que na última cimeira da OTAN, a posición entreguista do Goberno español que se brindou a participar no envío de efectivos militares baixo o paraugas da OTAN á zona.

Puxo enriba da mesa a contradición do Executivo español neste tema practicando a política do pao e da cenoria, xa que por un lado vostede apelaba a unha solución dialogada e pacífica, e por outra na cimeira da OTAN decidiron participar nas operacións.

En relación ás sancións a Rusia por parte da UE, Rosana Pérez advertiu do impacto destas medidas. “Vostede mesmo recoñeceu os efectos na economía española, en concreto no sector agro-gandeiro”. Solicitou a Margallo que o Goberno complemente as axudas da UE ao sector agro-gandeiro”.

Alertou do “efecto boomerang que terán as sancións a Rusia. Que actuacións vai adoptar para non prexudicar aínda máis ao sector?”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG