Rosana Pérez pide a comparecencia do Presidente de SEPI polo anuncio de recortes en Navantia

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou este mediodía a comparecencia urxente do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que informe en sede parlamentar sobre a misiva enviada polo Presidente de Navantia á plantilla na que anuncia un Plan Estratéxico.

Unha carta, puntualiza, na que o responsábel dos estaleiros públicos advirte dos graves problemas polos que atravesa Navantia. Problemas, sinala Rosana Pérez, “que el mesmo, así como a SEPI contribuiron a agravar dada a súa pasividade absoluta ante a falla de carga de traballo dos estaleiros públicos. Unha situación advertida desde hai tempo tanto polos traballadores como polo BNG nas numerosas iniciativas parlamentares presentadas no Congreso”.

A deputada do BNG critica que se anuncie un Plan de aforro de custes, a redefinición do novo submariño ou a potenciación de áreas como a de reparacións navais. Nese sentido, reprocha á SEPI e a Navantia a “súa negativa a construir o dique flotante nos estaleiros da Ría de Ferrol porque era unha garantía de traballo para case dous anos”.

Asemade, Rosana Pérez amosa a preocupación do BNG polo futuro dos traballadores dado que na súa carta o Presidente de Navantia fala de “que tamén será necesario un novo marco laboral na liña coas necesidades das empresas que compiten a nivel global, mellorando en flexibilidade e eficiencia”. Para a parlamentar nacionalista “trátase dunha auténtica chantaxe nun momento de negociación do convenio colectivo”.

A deputada do BNG pón de manifesto a precaria situación dos estaleiros de Fene e Ferrol que van quedar sen carga de traballo en tres meses. “E que fixo a SEPI? Que xestións realizou para lograr pedidos? Non é difícil respostar a esa pregunta, non se fixo nada. E por riba ter unha actitude obstruccionista ante proxectos como o do dique flotante”.

Para Rosana Pérez estas novas son verdadeiramente “alarmantes e o responsábel da SEPI debe dar explicacións canto antes”. “Hai solucións e hai vías para que Navantia mellore, o problema é que non hai vontade política de salvar o naval público”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG