Vence sitúa a "iniciativa exemplar" contra o copago na estratexia de insubmisión aos recortes do PP

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence valorou a “iniciativa exemplar” posta en marcha polos concellos nacionalistas de Riotorto, Ribadeo e Monforte para asumir o copago farmacéutico e paliar os “efectos nefastos” das políticas de recorte do PP na calidade de vida e no benestar.

VENCE EN LUGO 1

“O BNG ten unha estratexia de oposición radical e de insubmisión ante os recortes do PP que arrasan co benestar e cos dereitos da cidadanía”, declarou Vence, e dentro desa estratexia, “cada concello onde goberna o BNG está a aplicar as medidas que entende máis acaídas en función das necesidades específicas da veciñanza, dos colectivos máis vulnerables e en función das súas posibilidades económicas”, explicou.

Vence considera imprescindible esa “insubmisión” antes as políticas de recorte do PP, “porque nos están roubando dereitos conquistados ao longo de décadas aos que non podemos renunciar”. Ás iniciativas contra o copago súmanse outras xa adoptadas noutros concellos nacionalistas, como a subvención dos comedores escolares e a creación de bancos de alimentos “para axudar as familias que se quedaron sen ningún tipo de ingreso e están en situación de total penuria”.

Para o BNG, insistiu Vence, o obxectivo é acadar que a Xunta se opoña a este tipo de recortes,  que ten no copago o último exemplo ou, en todo caso, que sexa o Goberno galego quen asuma o seu coste para non repercutilo nos cidadáns. Pero mentres ese non suceda, o BNG actúa con este tipo de medidas.  “Son medidas que estamos impulsando desde os concellos do BNG cada un co seu perfil, segundo as urxencias e as posibilidades orzamentarias en cada caso”, insitíu.

Lugo, especialmente afectada

De visita  en Lugo, -convidado pola militancia con motivo do San Froilán-, Vence fixo mención á demanda social de reforzar os servizos sanitarios en Lugo en particular no hospital provincial, con infraestruturas que permitan afrontar tratamentos oncolóxicos, en concreto servizos de radioterapia e medicina nuclear e tamén o servizo de hemodinámica.

“Os orzamentos autonómicos de 2014 deben incluír a partida necesaria para dotar ao hospital destes servizos fundamentais, para que os cidadáns de Lugo non teñan que desprazarse a Santiago ou A Coruña para recibir tratamentos que son importantes”, salientou.

Reforma local, menos servizos

O portavoz nacional tamén advertiu que a reforma local impulsada polo PP suporá un recorte dos servizos que prestan os concellos, en particular nos municipios inferiores a 20.000 habitantes e os concellos rurais, perfil no que encaixa a maior parte dos concellos de Lugo.

“A reforma local vaise levar por diante os servizos de proximidade dos concellos en áreas tan sensibles como a asistencia a domicilio, escolas infantís, centros de día,  medidas de fomento do emprego e actividades culturais e deportivas”, explicou Vence, “algo que afectará en particular a calidade de vida nos concellos do rural, parte fundamental na provincia de Lugo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG