Apoio ao proceso de paz de Euskadi, critica ás actuacións políticas e xudiciais que o entorpecen

BdoO-k5CQAEhqv3O BNG amosa o seu decidido apoio ao proceso de paz no País Vasco ao entender que é o camiño a seguir para a resolución definitiva do conflito vasco, e lamenta as actuacións do Ministerio do Interior e da fiscalía que no canto de favorecer o proceso de paz parecen empeñadas en entorpecelo, ignorando o novo escenario e a oportunidade aberta cando en outubro de 2011 ETA anunciara o cese definitivo da súa actividade e os pasos dados desde entón.

O recente rexistro e detención levada a cabo polo Ministerio do Interior sobre a coordinadora dos presos de ETA ou o auto do xuíz Eloy Velasco prohibindo a celebración da manifestación pacífica a favor do acercamento a Euskadi este colectivo inscríbense nunha liña de actuación que en vez de dar os pasos necesarios para a resolución do conflito vasco poñen atrancos ao proceso de paz.

Neste sentido, o BNG salienta que a manifestación do día 11 estaba convocada por múltiples organizacións cívicas, sindicais, culturais, deportivas e veciñais da máis diversa sociedade vasca, baixo o lema Dereitos humanos, Resolución, Paz, co obxectivo de pular por saía ao conflito de Euskadi, baixo o respecto aos dereitos humanos e ao exercicio da democracia.

Ademais de considerar “extravagante” que un xuíz (Pablo Ruz) declare legal a manifestación e horas máis tardes outro xuíz (Eloy Velasco) a declare ilegal, o BNG chama a atención sobre a actuación da Fiscalía do Estado que, considera, responde ás directrices políticas do Goberno español, nunha acción que o propio Goberno Vasco califica de “irresponsábel”.

O Bloque entende que o Executivo central vai na dirección equivocada e está obxectivamente a pór todas as dificultades posibles ao proceso de paz. A súa renuencia a cumprir a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que declara ilegal a aplicación retroactiva da doutrina Parot é outro claro exemplo. Estas últimas decisións, que incluen detención de avogados e rexistros do despacho dun senador, son actos que só poden ser interpretados como unha provocación con ánimo de boicotear o proceso unilateral de paz impulsado pola esquerda abertzale e que conta co respaldo mioritario da sociedade vasca. Con todas estas medidas o Goberno está da mostras de non estar a altura das circunstancias e desaproveita unha oportunidade histórica para o País Vasco e para o conxunto do Estado español, cun comportamento incomprensíbel que parece destinado a contentar aos sectores máis extremistas do seu electorado.

O BNG, como sempre fixo, reafirma o seu apoio ao proceso de paz, no marco do respecto aos dereitos humanos e encamiñado a unha solución do conflicto por vías democráticas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG