Rosana Pérez:"A LOMCE non só é un ataque ao ensino público senón tamén á democracia"

ConcentraciónA deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, acusou no Pleno ao Ministro de Educación de atacar “non só ao ensino público universal senón tamén aos principios democráticos”.

A deputada do BNG comezou a súa intervención do mesmo xeito que outros portavoces da oposición pronunciando unha frase na que sinalaban que en canto cambie a composición parlamentar, “procederemos a derogar a LOMCE”.

Rosana Pérez reprochou ao Ministro de Educación de “pasar por riba de quen faga falla con tal de satisfacer os intereses da patronal do ensino privado, os da xerarquía eclesiástica e os dos sectores máis reaccionarios e retrógrados do seu partido”.

“Vai contra todos pero a comunidade educativa voltará a dar unha resposta masiva contra a súa lei”

“Despois de termos escoitado a expertos que pasaron polo Congreso, de que houbera debate e tramitación de emendas, a día de hoxe a columna vertebral da LOMCE sigue intacta”, sinalou a deputada do BNG, quen acusou a Wert de pór “o seu corpus ideolóxico ao servizo dos seus intereses que nada teñen que haber coa educación pública, e moito menos coa igualdade”.

Rosana Pérez afirmou que a pesar de que “vosté vaia contra todo e contra todos, afortunadamente a comunidade educativa non está disposta a toleralo. O vindeiro 24 de outubro terá a enésima resposta masiva contra a lei”.

Reprochou a Wert que utilice o argumento da reducción das alta taxas de abandono escolar. “Pero cais son as medidas para diminuir o fracaso escolar? Será o debilitamento absoluto do ensino público, e o aumento da desigualdade? Será através da blindaxe dos concertos e a legalización das subvencións a centros que segregan por sexos? Son esas as medidas para reducir o abandono escolar?”.

Asemade, criticou o plan do PP por rematar coa conformación plurinacional do Estado, cunha estratexia centralizadora. A deputada do BNG puxo de manifesto que o BNG presentou máis de 50 emendas á LOMCE para afortalar a educación pública, universal e de calidade que “agora está en perigo”. Acusou ao Ministro de practicar un “diálogo de xordos, non cederon o máis mínimo”.

Ante as alusións do Ministro a Informes internacionais, a deputada do BNG aludiu ao Informe do Consello de Europa que onte se fixo público e no que se criticaban os recortes no Estado español e os seus negativos efectos como na educación e nos nenos e nenas.

“Esta lei non só é un ataque á educación pública, senón tamén aos principios democráticos que vostés van aprobar en solitario”, rematou Rosana Pérez.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG