O BNG propón crear un Instituto Galego de Crédito e Investimento semellante ao ICO

Francisco Jorquera

De ser a aprobada a lei nacionalista, Galiza contaría cun instrumento para financiar e desenvolver os diferentes sectores produtivos e reordenar o sistema financeiro galego

Jorquera e Adán en rolda de prensa

O portavoz do Grupo parlamentario nacionalista, Francisco Jorquera e a deputada e portavoz de Industria, Carme Adán presentaron hoxe ante os medios de comunicación a Proposición de Lei do BNG para crear o Instituto Galego de Crédito e Investimento destinado a poñer a disposición das empresas os instrumentos financeiros necesarios para superar a crise económica.

Jorquera asegurou que o proxecto de lei dota a Galiza dun novo modelo para financiar o desenvolvemento de novas actividades nos diferentes sectores produtivos galegos a través dun Instituto Galego de Crédito e “unha entidade pública empresarial con personalidade xurídica propia” adscrita á consellería competente en materia de economía e finanzas.

A proposta do BNG, “chave” para actuar como “unha banca pública indirecta” a semellanza do ICO a nivel de Estado.

Para o portavoz nacionalista, un dos principais factores que impiden a reactivación económica en Galiza é a “falta de crédito”. Na súa intervención aludiu a un recente informe do Colexio de Economista que reflicte que o 69% dos enquisados tamén coinciden con esta afirmación ao que hai que sumar a concentración financeira que desembocou na venda de Nova Galicia Banco.

Francisco Jorquera

O 2013, dixo, Galiza pechouse con 38.200 empregos menos, dende o 2009 incrementouse o paro nun 70%, dende o inicio da crise hai 200.000 cotizantes menos na SS e mentres isto acontece, “os bancos teñen un volume de depósitos superior en 5.000 millóns de euros ao crédito que destinan a familias e empresas galegas”, o desfase é de 4.495 millóns de euros e Galiza é a segunda comunidade con menos crédito en relación a súa poboación.

O BNG rexistrou 16 Proposicións de lei contra as políticas regresivas do Partido popular

Pola súa parte, a deputada do BNG, Carme Adán salientou que o BNG rexistrou no Parlamento galego 16 Proposicións de Lei que desmontan as acusacións de Núñez Feijóo de que non existen alternativas nin propostas, “ esa idea gústalle moito repetila, manifestou a nacionalista, pero os nosos feitos e traballo contradín as súas falsidades”.

Adán explicou que a lei do BNG tenta reactivar o sector industrial galego, “neste momento paralizado polas políticas do Partido popular”, e a falta de crédito ás empresas e industrias galegas.

Esta situación, provocou que nos cinco anos de Goberno Feijóo, “perderase un 21% de afiliados na Seguridade Social no ámbito industrial”, segundo sector máis afectado despois da construción.

O téxtil baixou tamén de afiliadas nun 26%, a metalurxia 30%, o sector da madeira un 30% e os sector enerxético e da electricidade un 17%, “esta é unha situación de desmoronamento da industria galega” agravada pola falta de crédito.

Carme Adán

O IGAPE, criticou Adan “é un zombi que non serve como Instituto para dinamizar a economía galega”, ten débedas importantes e na actualidade menos orzamento.

A cidadanía tamén se cuestiona a política de créditos do IGAPE a empresas como Pescanova e Freiremar que non reverteron na creación de emprego, é necesario polo tanto, “crear un Instituto de Crédito galego, que dunha vez, contribúa a revitalizar a nosa economía”.

A deputada concluíu avogando por “transformar o IGAPE no novo Instituto de Crédito e Investimento” proposto polo BNG e creando asemade unha Corporación Industrial pública galega que amplíe a súa actividade, máis alá das políticas de “subvencións” para logo desentenderse.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG