Rosana Pérez congratúlase de que Fomento adopte medidas demandadas polo BNG como cambiar a CIAF

COMISION EDUCACION 004A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, congratulouse esta tarde na Comisión de Fomento de que por fin o Ministerio escoite demandas como a do BNG de converter á CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios) nun órgao máis transparente e independente.

Rosana Pérez fixo estas afirmacións na Comisión de Fomento após de atender a comparecencia do Subsecretario de Fomento, Mario Garcés, que veu á Cámara a dar conta das medidas e normas que está a desenvolver o Ministerio, especialmente no eido da seguranza ferroviaria e após do terríbel accidente do Alvia hai case un ano.

O Subsecretario recoñece ao BNG que “son consciente de que están na liña de moitas das súas demandas”

O alto responsábel de Fomento informou aos membros da Comisión de que se está a traballar nun novo regulamento sobre a CIAF, avanzando que a designación do Presidente da CIAF vai ser através da Comisión de Fomento do Congreso, con participación parlamentar, tal e como leva demandando o BNG desde hai practicamente un ano. Tamén avanzou outras formas de funcionamento deste órgao, especialmente cando leve a cabo investigacións sobre accidentes ferroviarios e en cuxa equipa non se integrará personal de Adif ou Renfe.

Exactamente como a deputada do BNG, Rosana Pérez, ven pedindo desde hai meses. É máis, levou a debate e votación dúas proposicións non de lei para cambiar a CIAF e convertela nun organismo máis indepentente e imparcial, que sempre contou co voto en contra do PP. Rosana Pérez congratulouse do cambio de parecer do

Ministerio de Fomento que é indicativo de que non estaba garantida a independencia deste órgao.

O mesmo Subsecretario de Fomento, na súa réplica a Rosana Pérez recoñeceulle que: “son coñeceder de moitas das súas declaracións e son consciente de que están na liña de moitas das súas demandas”.

Perante as explicacións do Subsecretario de Fomento, quen sinalou que o novo Regulamento de Circulación ferroviario se presentou a sindicatos, organizacións de profesionais e outras entidades, Rosana Pérez demandoulle que tamén sexa consultado no ámbito parlamentar. “Tería que haber participación dos grupos parlamentares”.

A deputada do BNG puxo de manifesto que o feito de que se vaian adoptar medidas de mellora da seguranza ferroviaria, mostra que había deficiencias e carencias no sistema. “E que a pesar das críticas que o BNG recibimos nesta Comisión por pór de relieve estas deficiencias, saudamos que se vaian ampliar normativas e medidas tanto no eido da seguranza ferroviaria como no que atinxe á independencia da CIAF”.

Finalmente, Rosana Pérez agardou que “canto antes teñamos a concreción e detalle destes Decretos e novas normas” e “comprobaremos que o anunciado aquí esta tarde se corresponda co contido das normas a desenvolver”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG