Ante a supresión dos formularios en papel, Davila pide a Montoro servizos gratuitos en Facenda

congresoBNG12A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou varias iniciativas parlamentares con motivo da decisión do Ministerio de Facenda de suprimir os formularios en papel e que as declaracións como as relativas á tributación do IVE comercial se fagan online.

Davila sinala que a Axencia Tributaria decidiu que a tributación do IVE de locais comerciais, as declaracións de profesionais autónomos ou de microempresas pasen a facerse através de internete, eliminando así o formulario en papel.

“Sen discutir o proceso de modernización e a progresiva implantación dos procedementos electrónicos que se está a levar a cabo, hai que dicer que a tramitación electrónica se está a aplicar de xeito universal, e non en relación á súa dimensión ou capacidade para dispór de medios electrónicos”, enfatiza.

Só o 68% ten acceso a internet

Nese sentido, lembra os dados de Eurostat que indican as baixas porcentaxes de acceso a internet no estado español, que se sitúa actualmente no 68%, 12 puntos por debaixo da media europea. Polo tanto, un tercio dos fogaros non están conectados á rede.

Davila sinala que a obrigatoriedade de facer as declaracións por vía telemática complica os procedementos a moitas persoas, profesionais ou microempresas que aínda non se desenvolven adecuadamente en internet, menos para facer unha declaración tributaria.

“De feito, desde o inicio deste proceso diversas federacións e asociacións de autónomos advertiron dos prexuizos desta decisión. Hai moitas microempresas de carácter familiar, no que só traballa o propio autónomo. A nova regulación obrígalles nun momento de dificuldades económicas, ben a asumir con maior custe a implantación de sistemas electrónicos, ou a recorrer a asesorías externas”, explica a deputada do BNG.

Davila apela á cooperación e colaboración das Administracións Públicas, para adoptar medidas transitorias, como a manter temporalmente o formulario en papel xunto coa vía telemática, ou implantar servizos gratuitos de asistencia en todas as Delegacións e Administracións da Axencia Tributaria que permitan presentar as declaracións através das delegacións, facilitando así o proceso a profesionais autónomos, microempresas e cidadáns.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG