Vence pide un cambio de criterios no reparto das axudas da PAC

Tereixa Paz

O portavoz nacional do BNG defende “un proxecto de País” contra as propostas do Ministerio de Agricultura que marxinan a Galiza nas negociacións da Conferencia sectorial

Comparecencia de Xavier Vence

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence avogou hoxe por incrementar o actual reparto de axudas ao sector agrario, fixado no 3, 6%, e establecer novos criterios nos que primen os intereses de Galiza.

Vence compareceu ante os medios de comunicación, acompañado da portavoz de agricultura do BNG, Tereixa Paz e Manuel  Dacal Vázquez en representación de FRUGA, para valorar a Conferencia sectorial que establecerá os criterios de distribución da PAC para o período 2014-2020

O dirixente nacionalista manifestou a necesidade de mudar os actuais criterios en política agraria no reparto de axudas e mostrouse critico ante “o silencio" de Núñez Feijóo sobre as propostas do Goberno galego nesta materia.

A proposta do Ministerio, dixo, leva consigo “unha marxinación” de Galiza na distribución dos fondos da Pac, “dos 4.800 millóns destinados ao Estado español, Galiza só recibiría 168 millóns”. Neste sentido, apostou por duplicar as axudas.

Galiza precisa un Plan de Desenvolvemento Rural propio

Vence denunciou que a perda de empregos no sector agrario, 11.000 dende que goberna o PP en Galiza, e 1.500 durante o ano 2013, fan urxente un cambio na política polo que sinalou como criterios básicos neste cambio: a definición de agricultor activo que depende desta actividade nun 50% do seu tempo e ingresos, primar as primeiras 30 hectáreas para protexer ás pequenas explotacións fronte aos latifundistas cun tope máximo de 100.000 euros, (para todo o Estado español), co fin de acadar unha distribución máis equitativa e favorecer as pequenas e medianas explotacións, así como, facilitar a ampliación de hectáreas para que os sectores do viño e a horta poidan ser beneficiarios das axudas.Medios

Asemade, demandou un Plan de Desarrollo Rural (PDR) en Galiza, “baixo unha perspectiva de país” contra a invasión de competencias do Ministro Cañete que pretende igualar o sector en todo o Estado español sen ter en conta as especificades do agro e gandería galega.

Vence tamén esixiu un “tratamento especial” para o sector lácteo que vive unha das súas maiores crises por mor das políticas erráticas do Partido popular e a política de cuotas. Neste momento, engadiu, o sector debería ser “compensado” por esa descapitalización e patrimonio perdido.

O portavoz nacional do BNG  defendeu incorporar xente nova ao sector agrario e gandeiro galego para “exuvenecer o mundo rural” con axudas específicas.

Tereixa Paz denuncia que os grandes lobbys e terratenentes son os máis  beneficiados das axudas da PAC

Pola súa parte, Tereixa Paz presentou unha proposición non de lei na que denuncia “a ausencia do Goberno galego”, á hora de defender os intereses de Galiza e reiterou que o BNG reclamará o cambio de criterios para as axudas comunitarias ao fin de corrixir o defecto da PAC que constata que os vencedores volven ser os grandes “lobbys lácteos e de terratenentes”.

Tereixa Paz

Manuel  Dacal Vázquez, representante de FRUGA sumouse as reivindicacións do BNG e criticou o documento da Consellería de Medio Rural que ao seu xuízo, “non defende os sectores produtivos galegos” e aporta só  vaguidades que en nada benefician aos sectores produtivos galegos.

A Consellería de Medio rural mantén unha postura de " total submisión" ás propostas do Ministerio de Arias Cañete”.  Os labregos e labregas galegos outra vez  “saen perdendo”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG