Adán pide aplicar o código deontolóxico nos casos de violencia contra menores

Creme Adán

A deputada  afirma que o crime de Asunta Basterra Porto alerta dun tratamento informativo que debe ser analizado

A nacionalista Carme Adán defenderá no Parlamento galego unha Proposición non de lei ao fin de instar ao Goberno galego a analizar e impulsar o cumprimento, por parte de todos os medios de comunicación galegos, do código deontolóxico e das recomendacións sobre o tratamento informativo nos casos de violencia que afecten a menores.

O crime de Asunta Basterra fixo saltar todas as alarmas sobre un tratamento informativo que mesmo pode colidir coa protección do menor, a súa imaxe e intimidade polo que a deputada do BNG considera que debe ser respaldado o informe emitido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza sobre o tratamento informativo nos medios públicos e privados dos casos de violencia nos que as vítimas son menores.

Neste sentido, a parlamentaria salienta o traballo realizado polo CPXG preocupado polo tratamento informativo do caso de Asunta Basterra a través da recollida pormenorizada das informacións aparecidas en diversos medios de comunicación galegos así como outros casos violentos producidos nos últimos tempos contra menores e xoves.

Para a parlamentar nacionalista, “o tratamento informativo da imaxe dun/ha menor é unha cuestión complexa e de máxima importancia” polo que se deben ser establecidas todo tipo de cautelas.

Adán agarda que a proposición non de lei nacionalista acade o apoio do resto dos grupos parlamentarios ao fin de preservar o dereito á intimidade dos/as menores no tratamento de informacións relativas a sucesos violentos que afectan á infancia e mocidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG