O BNG demanda ao Goberno español e os partidos estatais que respecten a vontade do pobo catalán

cartaz675px reO BNG demanda ao Estado español e aos partidos estatais que respecten a vontade do pobo catalán de convocar un referendo para decidir o seu futuro político, e salienta que a decisión da consulta foi aprobada tras un acordo maioritario do Parlamento de Cataluña rubricado por catro forzas políticas que representan o 64,4% da Cámara catalá.

Asemade, o BNG xulga que, fronte á constante confrontación e á procura das discrepancias, debe abrirse un novo escenario que permita un novo marco de relación das nacións que integran na actualidade o Estado español. Será desde o recoñecemento do dereito á autodeterminación e desde a vontade de respectar o dereito dos pobos a decidiren libremente o seu futuro que poderemos encontrarnos e dialogar.

No caso galego, o BNG xulga imprescindíbel avanzar igualmente no camiño da soberanía para resolver moitos dos problemas que están a afectar seriamente galegas e galegos: destrución do sector naval por decisións impostas lonxe da Galiza, perda de instrumentos financeiros propios e roubo do aforro galego, ataque contra os nosos sectores produtivos, ameaza ao comercio de proximidade pola instalación de grandes superficies de capital e intereses foráneos.

O Bloque parabeniza o pobo catalán que, a través dos seus lexítimos representantes, aprobou exercer o seu dereito democrático a decidir sobre a relación que quere ter co Estado español, incluíndo a posibilidade de se conformar en estado independente. Neste sentido, o BNG pide a Mariano Rajoy que aprenda do primeiro ministro británico, David Cameron, capaz de pactar co Goberno de Escocia a realización dunha consulta como a que o Goberno catalán solicita ao español.

Desde o respecto á democracia non se poden ignorar, nin negar as lexítimas aspiracións do pobo catalán que, por esmagadora maioría, reclama a celebración dun referendo que lle permita decidir sobre o seu futuro. Esta aspiración non é improvisada, senón que responde a un longo proceso que conclúe na evidente vontade de Cataluña de reformular o marco institucional de relacións co Estado español, un feito que ten de implicar, obrigatoriamente, unha mudanza no rumbo das políticas recentralizadoras do Goberno español. O BNG saúda, pois, con ilusión, este proceso que ha ter derivacións positivas para as aspiracións do pobo galego a se gobernar para responder aos lexítimos intereses da maioría social deste país.

Ante ese clamor da cidadanía catalá non é aceptábel a resposta do Goberno central e dos partidos estatais maioritarios de usar a “indisolúbel unidade de España” para cortar as aspiracións do pobo catalán, tan lexítimas como imparábeis.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG