Balance parlamentar: 3.382 iniciativas para dar solucións aos problemas reais da cidadanía

Ponton e Jorquera balance actividade parlamentarA cada problema, unha solución. Con esa premisa o BNG desenvolveu un traballo parlamentar “serio e con rigor” que se traduce en 3.382 iniciativas, -cifra que duplica a de calquera outro grupo na Cámara-, con propostas concretas para dar solucións aos “problemas reais” da cidadanía. O portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, e a viceportavoz, Ana Pontón, presentaron o balance da actividade do Bloque en 2013, que tivo “un pé na rúa e outro na institución”.

“Fixemos un traballo ao servizo da cidadanía, centrado nos problemas da xente, sen facerlle o xogo ao PP na súa estratexia de desprestixio do Parlamento e de alimentar a falsa idea de que non hai alternativa política. O BNG fixo unha oposición contundente e rigorosa, poñendo enriba da mesa propostas ás políticas do PP responsable da situación de emerxencia nacional na que está Galiza. Crítica contundente, pero sempre dando alternativas”, explicou Jorquera, quen avanzou que “esa seguirá a ser a tónica do traballo parlamentar do Bloque en 2014”.

Nese balance, tanto Pontón como Jorquera denunciaron “o secuestro do Parlamento” a mans do PP, ao que pretende “amordazar” para limitar o labor de control do Goberno nun claro “recorte da democracia”.

“A Feijóo estórballe o Parlamento porque prefire parapetarse detrás da súa propaganda e permanecer alleo aos problemas do país, como cando presume de ter o gasto social blindado e despois e desmentido por un informe do Ministerio de Facenda que sinala que a Xunta ocupa os lugares de cola en gasto social.”

O rodillo e a incapacidade de diálogo do PP, explicaron, é visible no veto sistemático ás iniciativas da oposición, na negativa do presidente da Xunta a responder ás preguntas do BNG en Pleno, no bloqueo das comisións de investigación da corrupción ou do proceso de desmantelamento do sistema financeiro galego, ao tempo que impide a creación dunha comisión sobre a traxedia de Angrois.

“Feijóo desoe a petición das vítimas que reclaman esclarecer o sucedido, o que non lle impide usar politicamente o accidente como pretende facer no seu discurso de fin de ano”, lamentou o portavoz parlamentar.

Galiza remata o ano “máis empobrecida, con máis desigualdades sociais, con menos dereitos, con menos servizos públicos, con menos lingua e cultura galegas e mesmo con menos galeg@s por mor da emigración”, resumiu Ana Pontón as consecuencias das políticas do PP, trasladadas tamén á Cámara autonómica.

De cara ao próximo período de sesións, o BNG avanzou que seguirá desenvolvendo un traballo parlamentar “centrado en resolver os problemas reais da xente” e exercendo o control do Executivo para contrarrestar a súa propaganda “que leva a Feijóo gabarse de vender Galiza por parcelas”, criticou Jorquera.

Floteis

En relación á posible adxudicación de dous floteis para os estaleiros de Ferrol e de Vigo, Jorquera salientou que confía en que “haxa boas novas para o sector naval galego, porque o BNG nunca se suma á estratexia de que canto peor, mellor”.

Advertiu, sen embargo, de que os estaleiros galegos precisan de moito máis que esa adxudicación para garantir o seu futuro, “que pasa porque o Goberno cumpra os compromisos da Cámara, como levantar o veto da construción civil, e tamén pola autonomía para os centros de Ferrolterra e o desenvolvemento da Lei do sector naval que lle permitiría á Xunta estar no consello de administración de Navantia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG