BNG presenta no Congreso emenda á totalidade dos Orzamentos Estado 2014 porque "traerán máis probeza

OLAIA COMISION 004O BNG presentou no Congreso unha emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado 2014 porque “traerán máis probeza, non servirán para mellorar a situación económica e practican artificios orzamentarios con Galiza”. Ademáis, “son irreais”, despois de anunciar o Goberno que haberá máis recortes en 2014 e 2015.

Davila critica que só se priorice o défice e o pagamento da débeda, “antepoñendo ese obxectivo á recuperación económica, á creación de emprego e á cohesión social”. Cualificounos de supeditación aos dictados da Troika. Advertiu do empobrecemento que estas políticas están a provocar. “Afogan o Estado de Benestar, conxelan os salarios dos traballadores e as pensións”. Son uns orzamentos pensados “para beneficiar os intereses da banca e das compañías eléctricas”.

Haberá máis recortes que sofrirán as maiorías sociais

A portavoz do BNG denuncia que a previsión de ingresos non é críbel e conlevará novos recortes, como os anunciados onte. “Son contas irreais e moito nos tememos que máis cedo que tarde voltemos a sofrir novos axustes coas conseguintes consecuencias para as maiorías sociais”.

As contas obvian as necesidades das maiorías sociais, provocará máis probeza. Nese sentido, mencionou a devaluación dos salarios, “conxélanse por cuarto ano consecutivo os salarios dos empregados públicos e as pensións”. “É un proxecto que ignora as políticas sociais, no marco da idea de reducir o Estado de Benestar á mínima expresión”. Puxo como exemplo a reducción nun 34,2% do orzamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. As partidas para servizos sociais e promoción social redúcense nun 36%.

Baixa o orzamento para desemprego e atención a inmigrantes. O programa de cobertura de libros de texto descende un 92%. Iso si, recalca, manteñen a asignación á Igrexa Católica.

O PP minte, consolida a suba de impostos: IRPF, IBI e IVE

No terreo dos impostos, consolidan a suba de impostos ás maiorías sociais cando dixeron que “as subas no IRPF e no IBI serían temporais. Incrementan o IVE en servizos sanitarios e actos notariais. “Cero medidas para a loita contra a fraude fiscal e nada de aumentar a fiscalidade ás grandes empresas”.

Uns orzamentos, recalca Davila, que “non sirven para dinamizar a economía nen cambiar o modelo de producción porque o I+D+I segue a ser a última da fila”. Nada vemos para crear emprego, e o aumento da dotación do Ministerio de Industria “non ten relación cun incrementos das políticas industriais, só se debe ás transferencias á compañías eléctricas para engordar aínda máis os seus beneficios”.

Artificios orzamentarios con Galiza

A portavoz do BNG criticou o “artificio orzamentario que se practica con Galiza. Inténtase compensar a reducción orzamentaria real dos investimentos en Galiza mediante un artificio orzamentario na alta velocidade, cunha dotación económica non concretada e que non se poderá executar na práctica”. Explica Davila que o AVE Olmedo-Lubián-Ourense se dota con 571,3 millóns pero nos mesmos orzamentos se afirma que o investimento para 2013 é de 354 millóns, “cando nos orzamentos aprobados para este ano esta partida contaba con 496,3 millóns”.

Polo tanto, “o propio Goberno recoñece que deixará sen executar 142 millóns”.

Davila critica a falla de investimentos para Galiza noutros eidos. “O Investimento total dos Ministerios en Galiza é de 212,4 millóns, un 20,5% menos. Actuacións necesarias como a prolongación do Eixo Atlántico até Ferrol, o saneamento das rías galegas ou actuacións de dinamización de sectores productivos básicos como o naval, a agricultura e gandeiría ou pesca. Ademáis o Fondo de Compensación Territorial descende un 27,6%, sendo Galiza a terceira comunidade co descenso maior”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG