Estratexia naval: Segregar os centros de Ferrolterra de Navantia e crear unha empresa pública galega

O sector naval galego está en situación límite tras anos de promesas incumpridas polos gobernos centrais dun e doutro signo,  pola propaganda sen resultados do presidente da Xunta e por unha cúpula directiva incapaz de conquerir e xestionar carga de traballo para os estaleiros galegos.

Acto Ferrol. Foto La Voz de Galicia

Neste contexto, o BNG insiste en dúas demandas clave, -levantar o veto á construción naval civil e o dique flotante-, pero lanza unha “proposta estratéxica” para debater coa sociedade, coa empresa e cos traballadores: segregar os centros de Ferrol e Fene do resto de Navantia e crear unha empresa pública galega.

“Hai que segregar os centros de Ferrol e Fene da Navantia estatal porque está lastrando o desenvolvemento dos estaleiros galegos, moi competitivos e produtivos pero que están perdendo mercado pola rémora que significa o resto de Navantia”, avanzou o portavoz nacional, Xavier Vence, nun acto de reivindicación do sector naval de Ferrolterra organizado polo BNG, e tras a reunión co comité de empresa.

“É necesario iniciar ese debate con todas as partes implicadas, nesta proposta de cambiar a configuración de Navantia e converter os centros de Ferrol e de Fene nunha empresa pública galega de construción naval, que estamos seguros tería garantido mellores posibilidades de mercado, carga de traballo e sería unha esperanza de futuro para o sector naval de Ferrolterra”, explicou.

A proposta, salientou o portavoz do Bloque, é un exemplo do que a formación nacionalista defende cando fala de ser un país soberano que poda decidir o futuro dos seus sectores produtivos. "Decidir por nós mesmos o que lle convén ao sector naval de Ferrolterra, como facemos con esta proposta, iso é soberanía", recalcou Vence.

O portavoz nacional do Bloque salientou que resultan evidente os efectos “desastrosos” que ten a actual configuración de Navantia “centralizada” na capital do Estado, cunha dirección sobredimensionada e “convertida en cemiterio de elefantes ou centro de colocación dos fillos das familias do PP madrileño que están levando á empresa á ruína. Sen dúbida, unha das causas dos malos resultados de Navantia no seu conxunto”, denunciou.

“É preciso romper con iso e que os centros de Ferrol e de Fene, moi competitivos, teñan plena autonomía, para que podan marcar a súa propia folla de ruta empresarial e de busca de carteira de pedidos”, argumentou.

Floteis de Pemex

O BNG considera que esta “proposta estratéxica”, que formula agora para iniciar o seu debate, “é a mellor das alternativas para frear o premeditado desmantelamento do sector naval de Ferrolterra”. Igualmente, Vence foi moi crítico co que cualificou de “esperpento” escenificado ao longo do último ano polo presidente da Xunta en relación aos floteis de Pemex.

“Feijóo dixo que os estaleiros galegos estarían cortando chapa para a construción deses floteis fai máis dun ano. A estas alturas aínda seguimos esperando pola resolución dun concurso que se resolverá en novembro. Confiamos en que Galiza consiga ese contrato, pero é evidente que Feijóo estivo enganando ao sector e ao conxunto da cidadanía. Ogallá que os nosos estaleiros saian ben parados dese concurso, a pesares do timo propagandístico do presidente da Xunta”, concluíu.

O acto de reivindicación do naval de Ferrolterra contou coa presenza de traballadores do sector e militantes, do portavoz nacional, da deputada no Congreso, Rosana Pérez, do portavoz no Parlamento galego, Francisco Jorquera, coa portavoz comarcal, Mercedes Tobío e co portavoz municipal, Iván Rivas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG