O BNG presenta no Congreso unha proposición para que se endureza a lexislación por delito ecolóxico

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, presentaron na Cámara unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar relacionada coa catástrofe do Prestige e a situación de impunidade xerada a raiz da sentenza coñecida o pasado xoves.

As deputadas do BNG demandan ao Goberno que endureza a lexislación en materia de comisión de delito ecolóxico a fin de evitar que unha catástrofe como a do Prestige se poida saldar sen indemnización económica algunha.

Ademáis, as parlamentares nacionalistas piden ao Goberno central a transferencia á Xunta das competencias en materia de seguranza marítima, tanto normativas como de execución que inclúan o control e a inspección de barcos, para poder aplicar unha política preventiva propia en relación ao transporte marítimo de mercadorías perigosas.

Tamén piden o traspaso á Xunta das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

“Unha sentenza decepcionante”

Davila e Rosana Pérez lembran que a catástrofe do Prestige tinguiu de chapapote as costas de Galiza hai once anos, e “demostrou as fraquezas en materia de seguranza do tráfico marítimo e a precariedade de medios para a loita contra a contaminación mariña no corredor de Fisterra, un dos que maior tráfico rexistra”. Salientan as deputadas do BNG que “a pesar da gravedade dos feitos, poderíamos afirmar que nada se ten avanzado. Un delito ecolóxico desas dimensións nen siquera é obxecto dunha sentenza exemplar por parte da xustiza”.

Denuncian que “non hai castigo para os autores da maior maré negra nin hai responsabilidades políticas pola errática e ineficaz xestión dun accidente que se agravou polas decisións adoptadas desde o Goberno central e a Xunta”.

As parlamentares nacionalistas salientan que “lonxe de progresar, e lograr unha sentenza exemplar por un delito ecolóxico grave como foi o do Prestige, resulta que se percorre o camiño á inversa: o Prestige non ten custe algún, sae gratis, salvo para os galegos e as galegas, e toda a maré humana que se implicou activamente na limpeza do noso litoral”.

Alegan as deputadas do BNG que un dos moitos fallos na xestión do Prestige foi a enorme descoordinación entre administracións implicadas. “o feito de adoptar decisións desde lugares alonxados de Galiza. A reivindicación de transferencias de competencias a Galiza nesta materia, non é froito dun capricho, é produto dunha mala experiencia, nefastas, da observancia do acontecido durante a crise do Prestige”.

Tildan a sentenza de “decepcionante, que non só premia o delito ecolóxico senón que os seus responsábeis quedan impunes, Incluso permite ao Goberno vanagloriarse dunha actuación cuestionada desde todos os ámbitos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG