parlamento galego

Montse Valcárcel lamenta que a nova conselleira de Medio Rural intente culpar a todos os galegos e galegas dos incendios forestais

“O Goberno do PP debería aplicar nas súas declaracións o sentidiño que constantemente pide á poboación galega”, advirte a deputada do BNG

A deputada do BNG Montserrat Valcárcel lamentou as declaracións da nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que nunha valoración sobre os incendios forestais rexistrados estes días asegurou que “probablemente son intencionados” e que esta é unha cuestión que “vai no ADN de Galiza”.

“Entendemos que semellante afirmación non foi ben meditada, porque está insinuando que os galegos e as galegas somos persoas potencialmente pirómanas”,  asegurou Valcárcel, quen reclamou á conselleira “maior prudencia cun tema tan serio” como os incendios. Lembrou, ao respecto, que ser pirómano implica ter un problema de saúde mental, e por iso reclamou aos membros do Goberno do PP que apliquen nas súas declaracións “o mesmo sentidiño que constantemente piden á poboación galega”. 

A responsable da secretaría de Monte e Industrias Forestais do Goberno alternativo do BNG -pensado para controlar ao Executivo do PP e facer propostas en favor do País-  considerou, por outra banda, que se de verdade á conselleira lle preocupan os incendios forestais debería manifestarse en contra de que unha empresa como Altri, “que se abastece da especie máis pirofítica que existe, o eucalipto”, se instale en Palas de Rei, o que suporía “unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza”.

Valcárcel emprazou á nova conselleira a aplicar as políticas que realmente precisa o País para loitar contra os incendios forestais, como habilitar brigadas e medios suficientes en cada área, actuacións contra o cambio climático e para favorecer a protección do solo ou máis traballos de prevención que axuden a ter o monte limpo. “O que en ningún caso precisamos é que se nos xulgue a todos os galegos e galegas como culpables da situación”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG