O BNG propón destinar 10 millóns de euros para promover o Grupo Lácteo Galego

A Federación Rural Galega (FRUGA) transmite ao BNG a necesidade de mudar os orzamentos do 2013 porque afondarán na crise do medio rural

O BNG e a Federación Rural Galega (FRUGA) mantiveron hoxe unha xuntanza, no Grupo parlamentar nacionalista, ao fin de analizar as diferentes partidas e recortes recollidos nos orzamentos do 2013 presentados pola Xunta.

Trala reunión, os deputados do BNG, Tereixa Paz e Cosme Pombo xunto ao presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez compareceron en rolda de prensa onde denunciaron a redución de medios e recursos económicos previstos pola Xunta de Galiza para o ano 2013 no medio rural.

10 millóns de euros para o Grupo Lácteo Galego

Na súa intervención, a deputada nacionalista confirmou a presentación dunha emenda para destinar 10 millóns de euros á promoción dun Grupo Lácteo Galego porque, “somos a primeira produtora de leite do Estado Español e no 2013 debe poñerse en marcha este o Grupo”, dixo.

Paz tamén aludiu á Política Agraria Común e novas directrices, trala súa aprobación, polo que considerou que debe ser impulsado o Banco de terras para non seguir perdendo superficie agraria útil como aconteceu o ano pasado.

A deputada do BNG, Tereixa Paz e o Presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez indicaron que os orzamentos do ano 2013 teñen previsto unha rebaixa de 2 millóns de euros para saneamento animal o que provocará o sacrificio de miles de vacas así como 900.000 menos para producións en extensivo e unha redución de 390.000 para razas autóctonas.

A maiores, engadiron que as axudas para melloras de explotacións serán rebaixadas en 3 millóns de euros, a mobilidade de terras en 300.000 e o sector do viño manterase na mesma franxa que no ano 2009.

Menos cartos para prevención e máis para helicópteros

Sobre o sector forestal, tanto o BNG como FRUGA, denunciaron o desleixo da Xunta á hora de por en valor o monte galego, “destinan 1.200.000 euros para helicópteros e 9.000.000 para cultivos enerxéticos e abandonan a prevención dos incendios forestais” porque o monte, suliñaron, segue a estar ao “servizo das multinacionais”.

Finalmente, a portavoz de Agricultura, Tereixa Paz e o Presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez cualificaron os orzamentos de “inútiles” para o medio e a xente do rural, “así non saímos adiante”, concluíron.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG