Rosana Pérez e Carme Adán defenden o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos sin tutelas

FOTOS ENCONTRO ABORTO LEGAL 036FOTOS ENCONTRO ABORTO LEGAL 033A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e a deputada no Parlamento galego, Carme Adán, interviron esta tarde no Congreso no Encontro: “Polo dereito a un aborto legal, seguro e accesíbel” para facer bandeira da defensa dos dereitos das mulleres a decidiren e a rexeitar calquer paso atrás na lexislación vixente en materia de aborto.

Rosana Pérez iniciou a súa intervención perante un foro numerosísimo de participantes: parlamentarias doutros grupos políticos, sindicatos, deputadas autonómicas, organizacións e plataformas de mulleres. Comezou poñendo de manifesto que “hoxe fomos quen con este encontro de impedir que o Ministro Gallardón acuda á sala do lado a presentar o seu “trofeo”, a súa rancia reforma contra a liberdade das mulleres”.

A deputada do BNG sinalou que “máis alá da defensa da lei vixente, que é mellorábel na súa teoría e na práctica, queremos falar da defensa dun dereito fundamental, un dereito humano que se lle nega a millóns de mulleres no mundo”. Acusou ao Goberno de ser “o principal abandeirado de sectores ultra reaccionarios, que pretende facer desaparecer calquer atisbo de poder de decisión das mulleres”.

Feijoó premia aos colectivos máis retrógradas

Mulleres, puntualizou, que “son as que padecemos con maior intensidade a crueldade dos recurtes deste Goberno”. Un Goberno que coa reforma da lei do aborto “pretende un brutal retroceso no calendario de case 30 anos”. En canto a Galiza, Rosana Pérez sinalou que Galiza “é unha das CC.AA que ten a taxa máis baixa de abortos, e a pesar disto, “hai tempo que as agresións do PP teñen rango de lei no noso país” e acusou a Feijoó de fomentar a discriminación, a desigualdade e de “premiar ano tras ano con miles de euros públicos a aquelas asociacións que din defender a vida pero que no fondo son máquinas ideolóxicas ao servizo da relixión católica e dos poderes máis retrógrados”.

Pero non lograron “silenciarnos nin resignarnos”. “A nosa rúbrica de apoio á Declaración de Madrid reforza o compromiso que sempre tivemos co dereito a un aborto legal e seguro, e este acto de hoxe, de conxunción entre representantes políticos e cidadáns constitúe a nosa firme reafirmación na defensa do dereito a decidir e da igualdade real”.

Carme Adán: “Non necesitamos que nos tutelen”

Pola súa parte, Carme Adán afirmou “compartir o sentimento de indignación pola intención de eliminar dereitos fundamentais das mulleres”. Explicou ao aforo reunido no Congreso que “na Galiza levamos 5 anos soportando e combatendo as políticas do PP. Precisamente a primeira lei de Feijoó foi a Lei de Apoio ás Mulleres Embarazadas, que supuxo un recurte enorme das políticas de igualdade e premiou a grupos integrales anti –aborto”, mencionando a Rede Madre. Afirmou que “Feijoó que cando ven a Madrid vai de progre, deu barra libre a grupos anti abortistas”.

Unhas normas, subliñou que “en Galiza nunca supuxeron avanzos para as mulleres nin no eido da maternidade, nin económico nin social”. Tildounas de “leis con etiquetas trampa para que entremos en debates trampa destes colectivos anti-liberdade”. Carme Adán enfatizou que “as mulleres non necesitamos nin de xuices, nin de médicos nin de Ministros para que nos tutelen as nosas vidas e decisións”.

Acusou a Gallardón de intentar “criminalizar a liberdade das mulleres, os seus movementos e ao feminismo en xeral, que durante décadas tivemos que loitar para lograr o recoñecemento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG