O BNG solicita a comparecencia de Margallo pola espionaxe de EE.UU e "a actitude colaboradora"

CONGRESO XUÑO 2013 003As deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e Rosana Pérez, solicitaron a comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores, García Margallo, para que acuda á Cámara a dar explicacións polos graves feitos da espionaxe de EE.UU.

“Non imos pasar por alto o único tema que parecía estar presente entre os mandatarios do Consello europeo, a das escoitas masivas de EE.UU”, dixo Davila no Pleno. A deputada do BNG asegurou que “esta maneira de proceder da Administración norteamericana non lle sorprende a esta formación política posto que procede dun estado que vai de xendarme mundial", pero "non rebaixa a gravedade dos feitos”.

Como non convenceron as parcas explicacións ofrecidas por Rajoy no Pleno ao que acudía a informar sobre o pasado Consello Europeo, as deputadas do BNG solicitaron a comparecencia urxente do Ministros de Exteriores.

A portavoz do BNG acusou a Rajoy de “quedarse corto nos seus pronunciamentos por moito que lle deban certa vasallaxe a EE.UU. Limítanse a sinalar que se rompeu a confianza e que é inaceitábel cando estamos a falar de que a Axencia Nacional de Seguranza norteamericana (NSA) realizou controis masivos de comunicacións no estado español que atentan contra a legalidade vixente”. Señor Presidente, ironizou Davila, “para que van vostedes a ser máis contundentes se ao final son necesarios colaboradores de EE.UU?”, en clara alusión ás informacións que indican que o Goberno español espiou e logo entregou dados á EE.UU

Para tratar con seriedade e profundidade este tema dada a maraña existente, as deputadas do BNG solicitaron esta mañá a comparecencia urxente do Ministro de Asuntos Exteriores para que acuda á Cámara a informar sobre a grave situación diplomática xerada pola espionaxe masiva de EE.UU e a actitude colaboradora do Goberno español nese sentido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG