Concentración en Marín en repulsa polo terrorismo machista tralo asasinato de Isabel

cartaz25NA Comisión de Mulleres do BNG do Morrazo convoca para o xoves 2 de xaneiro ás 20:00 horas unha concentración en Marín, na Praza 8 de marzo, para que toda a cidadanía poda expresar a súa repulsa e condena á violencia machista, que nesta ocasión tivo como consecuencia o asasinato de Isabel Pérez Fraga.

Para a Bloque é imprescindible rachar calquera atisbo de indiferenza, invisibilidade ou silencio, e igual de imprescindible incrementar os medios e os recursos para loitar contra todo tipo de violencia machista que cada ano se cobra a vida de ducias de mulleres.

Neste sentido, a viceportavoz parlamentar, Ana Pontón, reclamou ao Goberno e ao PP que o sustenta que deixen de recortar os recursos económicos adicados a loitar contra a violencia machista, porque non é con “condenas rituais” cada vez que hai unha traxedia como se combate esta lacra. Pontón subliñou que reducir o orzamento e os servizos de prevención e axuda ás vítimas agrava a situación e reflicte a “política involucionista” do PP tamén neste problema social.

"Recortar nas políticas de igualdade, diminuír as axudas para ás vítimas desta violencia e prescindir dos recursos que lle serven de colchón ás que denuncian, provoca a indefensión das mulleres e perpetúa o machismo" sinala a responsable da Comisión de Mulleres do Morrazo, Iria Aboi, para quen “os minutos de silencio non abondan”.

O BNG propón aumentar as axudas ás mulleres maltratadas, -o denominado salario da liberdade-, de 12 a 18 meses prorrogable ata 24 meses, medidas específicas no ámbito da formación e do emprego que facilite o acceso a un posto de traballo a este colectivo, asistencia psicolóxica ás vítimas desde a sanidade pública e xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades.

Pola contra, o Goberno de Feijóo acumula recortes en política de igualdade a razón de 25 millóns de euros anuais, 125 millóns de euros menos desde que preside o Executivo, cando investir en políticas de igualdade é outra forma de loitar contra a violencia machista. Ademais,o Bloque demanda o desenvolvemento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, que o Goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater esta lacra social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG