Frota cefalopodeira, seis meses excluída no acordo UE-Mauritania

A frota cefalopodeira galega leva seis meses excluída do acordo de pesca UE-Mauritania que implica 220 millóns de euros para o país africano. A cambio, 22 barcos con sede en Marín e Vigo permanecen amarrados a porto sen posibilidades de pesca e 400 tripulantes perderon o seu emprego.

Ante este despropósito, o BNG solicitou na Eurocámara unha renegociación do acordo, ata conseguir un convenio que inclúa a frota galega, pero a día de hoxe aínda non hai ningunha alternativa. A eurodeputada Ana Miranda crítica a falta de avances e presenta unha iniciativa  á Comisión Europea, para que o departamento da comisaria de Pesca, María Damanaki, explique as opcións reais da frota galega de volver a augas mauritanas.

O pasado 5 de abril concluían as negociacións no Comité Científico Técnico creadao ao amparo do acordo UE-Mauritania. Os representantes do país africano presentaron un estudo científico que conclúe que os cefalópodos están sobreexplotados e que, por tanto, non cabe unha volta da frota galega ao caladoiro.

Segundo a información da que dispón o BNG, este informe foi cuestionado na reunión por outros membros do Comité, ademais de contradicir informes científicos recentes que indican que a pesquería de cefalópodos está en boa situación,  ignorados á hora de negociar o acordo.

Por esta razón,  Miranda volve a interpelar á Comisión Europea "para que explique se vai asumir como válido o informe presentado polos negociadores mauritanos, pese a ser un informe de parte que lle permitiría consolidar a exclusión da flota galega do acordo asinado entre a UE e Mauritania", salienta.

Na pregunta parlamentar, pide á Comisión que se pronuncie sobre a "pertinencia" de valorar outros estudios científicos sobre o estado dos cefalópodos que non sexan os presentados por unha das partes negociadoras, e solicita a Damanaki "que informe das alternativas que ofrece á frota galega excluída e aos tripulantes sen emprego por mor das condicións do acordo UE-Mauritania".

O Parlamento Europeo aínda non referendou o acordo UE-Mauritania, que xa recibiu luz verde por parte da Comisión e do Concello, e Miranda confirma que o BNG votará en contra do acordo se non se logra incorporar á frota cefalopodeira.

Mentras tanto, nen o Goberno central nen a Xunta se teñen pronunciado sobre o resultado da negociación do Comité Ciéntifico Técnico e están a deixar pasar os meses sen aportar solucións para a frota galega afectada.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG