Congreso: PP opónse ás comparecencias solicitadas polo BNG de cargos de seguranza de ADIF

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, lamentou a actitude “obstaculizadora do PP” na primeira sesión da Subcomisión constituida no Congreso para analizar e estudar o sector ferroviario.

Nesta primeira sesión celebrada onte ao serán, poñíanse en común e ordenábanse as solicitudes de comparecencias e de información realizadas polos diferentes grupos parlamentares. O BNG pedía a comparecencia de varios cargos de Adif e Renfe: do actual Director de Seguranza do Adif, Manuel Besteiro, do anterior Director de Seguranza na circulación do Adif, Andrés María Cortabitarte, e do Director de Seguranza de Renfe, Antonio Lanchares Asensio.

Do ámbito profesional, Rosana Pérez propuxo a comparecencia dun maquinista e membro do SEMAF, Manuel Bazán Corella, dun representante da CGT e á súa vez Responsábel do Sector Ferroviario Renfe Operadora de A Coruña, Alberto Díaz, e dun experto en materia ferroviaria que desempeñou diversas responsabilidades en Renfe, e é membro do Foro do Transporte e Ferrocarril, José Enrique Villarino.

Rosana Pérez resalta que “o PP desbotou todas aquelas solicitudes do BNG relacionadas con responsábeis da seguranza do ADIF. Así, non apoiou que compareza o Director de Seguranza do ADIF e o anterior no cargo, e só admitiu a comparecencia do Director de Seguridade na circulación de Renfe, Antonio Lanchares Asensio”. A deputada do BNG considera que este xeito de funcionar “responde a prácticas de censura que non se entenden e que van en contra da necesaria transparencia que debe existir nun Parlamento”.

Ademáis, a parlamentar do BNG pediu copia de toda documentación ou contratos nos que figuren cambios ou modificacións do proxecto orixinario da conexión de alta velocidade Ourense-Santiago, sobre todo no relativo á seguranza deste trazado. “Outra cuestión que tamén foi motivo de estraneza e críticas por parte do PP cando solicitar documentación e información é un dereito que temos todos os deputados e deputadas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG