Na última votación da LOMCE, Rosana Pérez denuncia o empioramento da lei ao seu paso polo Senado

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, reiterou a frontal oposición do BNG á LOMCE, unha lei que hoxe salvaba o seu último trámite no Congreso co debate das novidades introducidas no Senado.

A LOMCE “só ten un obxectivo: atacar a educación pública e universal”

A deputada do BNG enfatizou que “un ano máis tarde, e máis de 1.600 emendas dos grupos da oposición que foron o reflexo do rotundo rexeitamento social, político e educativo á LOMCE, vemos que volta do Senado co obxectivo aínda máis claro de atacar a educación pública e o dereito fundamental ao acceso a un ensino universal e gratuito”.

Rosana Pérez subliñou que “cando todos e todas pensabamos que era imposíbel empiorala, voltou do Senado incluso pior que ao inicio, pior do que podían agardar pais, nais, alunos, profesores, organizacións políticas e sociais”. Unha lei, salientou, que “non tivo diálogo nin contou coa participación dos implicados nin tivo atisbo de consenso”.

“A súa lei e vostede merecen a reprobación”

Vostedes, sinalou a deputada do BNG, argumentaron “a súa LOMCE en base ás porcentaxes de fracaso escolar, pero obviaron outros aspeitos resaltados en informes internacionais que recoñecían que é dos sistemas que máis garanten a integración e a igualdade”. Por certo, dixo, “informes internacionais que se apuran a ter en conta en materia educativa pero que esquecen noutras materias nas que están a practicar severos recortes”.

Para a deputada do BNG “enfrontámonos á aplicación dunha lei que non se sabe como se vai financiar e que privilexia ao ensino privado. Afástase da laicidade a pesar de que o recolle a sacrosanta Constitución, e se entromete en competencias autonómicas recentralizando instrumentos que poidan servir a aquelo que dixo o Ministro de españolizar ao alunado”.

“Señor Ministro, ten en contra a todo o mundo. En contra a toda a comunidade educativa e con CC.AA que anunciaron que a recorrerán. Están empeñados en poñer a educación pública ao servizo de intereses económicos”. Afirmou Rosana Pérez que “estamos ante unha lei que xa é unha rémora para avanzar na construción educativa pública, que o PP non quixo adaptar ás diferentes realidades lingüísticas”.

Lembrou a deputada nacionalista que onte pola tarde neste Congreso se pediu a súa reprobación, “que vostede e a súa lei se merecen” e rematou pedindo a demisión de Wert.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG