Jorquera a Feijóo: "GZ, en situación demográfica propia dun país devastado pola guerra"

Os datos do Instituto Nacional de Estatística reflicten que o ano 2013 rematou en Galiza co peor saldo vexetativo da historia do país; na actualidade, por cada 160 galegos e galegas próximos a xubilarse, só hai 100 mozos e mozas en idade de incorporarse ao mercado laboral; dende o ano 2009 emigraron do noso país 147.000 persoas; e en só dez anos, a poboación de Galiza pasou de representar o 6,4% do total estatal a só o 5,9%.

Son algúns dos datos expostos hoxe polo portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, nunha pregunta ao Presidente da Xunta na sesión de control parlamentario. Uns datos que, segundo Jorquera, “falan dunha crise demográfica propia dun país devastado pola guerra”.

O voceiro parlamentario do BNG acusou ás políticas aplicadas por Feijoo dende a Xunta de estar agravando esta situación de crise demográfica, polo que o advertiu de que “vai camiño de pasar á historia por ter convertido aos galegos e galegas en especie en perigo de extinción”.

Submisión a Madrid

Jorquera sinalou que o grave problema demográfico de Galiza non se soluciona só con incentivos fiscais, senón que é imprescindible a creación de emprego estable e de calidade e a posta en marcha de verdadeiras medidas de conciliación e igualdade. “E sobre todo, señor Feijoo, o problema demográfico soluciónase defendendo o dereito de Galiza a ter unha base económica propia”, rematou Jorquera, engadindo que Feijoo non o fai porque non exerce como presidente dos galegos e galegas, senón que exerce como delegado do Goberno central.

Como proba desta submisión a Madrid, o portavoz parlamentario botou man dunhas declaracións do portavoz electoral do PP, nas que Pablo Casado destacaba o gran perfil de Feijoo para seguir as ordes de Mariano Rajoy.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG