A privatización da xestión da AG-53 que prepara o PP, unha estafa que costará 1.552M€ a@s galeg@s

O BNG demandou a Xunta na Cámara a paralización inmediata da privatización da Autoestrada AG-53 Alto de Santo Domingo-Ourense e do ramal ao Carballiño (AG-54) prevista polo Goberno de Feijóo, privatización que a portavoz parlamentaria de Infraestruturas, Ana Pontón, cualificou de “estafa colectiva” que multiplicará por dez o custe a pagar por todos os galegos e galegas.

“A débeda actual ascende a 150 millóns de euros ata 2025 e o Goberno da Xunta propón, segundo explicou o propio conselleiro Agustín Hernández, privatizar esta autoestrada ata 2050, cun custe de 1.552 millóns de euros ao remate da concesión, destinando miles de millóns de euros para financiar empresas privadas, cantidade que en ningún caso vai gastar en actuacións de mellora e mantemento”, explicou Pontón.

En definitiva, subliñou a deputada nacionalista, “multiplícase por dez o custe desta infraestrutura o que non pode cualificarse máis que como unha estafa colectiva, cun prexuízo evidente para o conxunto da cidadanía”. Neste sentido, Pontón advertiu que podemos estar ante un caso que teña que ser investigado pola Fiscalía no futuro, máxime cando a privatización de servizos e o pano de fondo das prácticas corruptas que desvela o sumario da Pokemon.

A privatización da AG-53 Alto de Santo Domingo-Ourense e o ramal ao Carballiño da AG-54 que prepara o Goberno de Feijóo nos colocará ante un “timo” xa coñecido pola experiencia da privatizadora da AP-9, “que se traduce en peaxes máis elevadas, unha deficiente conservación da vía e un custe que debe asumir os usuarios cun lastre evidente para a competitividade da nosa economía e que hipoteca o noso futuro”, concluíu Pontón.

A iniciativa parlamentar do BNG, unha proposición non de lei, contou co apoio de AGE e PSdeG e coa oposición do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG