Rosana Pérez pide a comparecencia de Wert pola polémica sobre as Erasmus e de paso a súa dimisión

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta tarde a comparecencia urxente do Ministro de Educación, José Ignacio Wert, para que acuda á Cámara a concretar as súas políticas e previsións en relación ás bolsas Erasmus, e para que aclare a polémica xerada coa UE sobre este tema.

A deputada do BNG considera que “o Ministro de Educación parece empeñado en recortar este tipo de axudas ao estudantado a toda costa”. Despois da polémica suscitada a semana pasada co endurecemento de requisitos para acceder ás Erasmus, e a posterior rectificación do Ministro debido á presión social e política, “onte nos ameniza a tarde coa advertencia de que para o 2014 as bolsas Erasmus no estado español se poderían reducir á metade debido a que a UE ten intención de cambiar os criterios para o reparto de fondos, o que prexudicaría ao estado español”.

Alegou o Ministerio que a UE otorgará os fondos en función da poboación total e non en función do número de estudantes universitarios. “Horas despois destas previsións do Ministerio, a Comisión Europea o desminte. As autoridades da UE indican que para o vindeiro curso o estado español recibirá un 4,3% máis de fondos económicos até chegar aos 53,4 millóns, e deixa claro que se no estado español se produce unha diminución de beneficiarios das Erasmus é responsabilidade do Goberno español”. Rosana Pérez menciona as afirmacións da portavoz da Comisaria Europea de Educación quen tildou as previsións do Goberno español de “completamente erróneas”.

Un Ministro que non ten credibilidade “e non pode seguer no posto”

Sen esquecer, puntualiza a deputada do BNG, que a Comisión Europea dixo que o orzamento para os próximos sete anos para este tipo de axudas aumentará nun 40%.

A parlamentar do BNG pon en cuestión a actuación do Ministro porque “crecen as dúbidas sobre se manterá a parte de axuda estatal para o curso vindeiro. O que é indubidábel é que recortará os requisitos de acceso a estas becas como xa quixo facer neste curso”.

Estas son as razóns polas que Rosana Pérez dirixe tamén ao Ministerio unha batería de preguntas que rexistrou na Cámara: “Por qué motivo emitiu Educación unha nota informando de que a UE recortaría á metade o número de beneficiarios de bolsas Erasmus para o seguinte ano? Por qué se realizaron estas previsións que foron desmentidas pola UE? Vai o Ministerio a dar información obxectiva sobre este tema? Está entre os obxectivos do Goberno ir mermando o peso destas importantes axudas aos estudantes?

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG