O BNG pide que se declare “zona catastrófica” o Monte Pindo

O BNG defende no Parlamento aplicar un Plan urxente de restauración mediombiental con dotación económica e tras a recuperación do Monte Pindo, declaralo Parque Natural

O alcalde de Carnota, Ramón Noceda xunto as deputadas, Ana Pontón e Tereixa Paz instaron á Xunta a declarar “zona catastrófica” os lugares afectados polo incendio iniciado en Carnota o pasado 11 de setembro e establecer as axudas necesarias para paliar os danos ocasionados.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, a deputada Ana Pontón reclamou que a Xunta de Galiza actúe ante este “grave desastre” e active medidas urxentes para a recuperación de vivendas, e actividade agrícola así como evitar que as cinzas cheguen ao mar o que, ao seu xuízo, agravaría aínda máis a actividade pesqueira e marisqueira.

O BNG reclama medidas urxentes para recuperar a zona calcinada

Medidas para a recuperación da zona e sobre todo, do espazo de máis valor ecolóxico, dixo a deputada. No Monte Pindo, a Xunta debe asumir a súa responsabilidade e non repetir os erros do pasado. Neste sentido, referiuse a constante negativa do Goberno galego a declarar o Monte Pindo parque natural como solicitou durante anos o concello de Carnota, a Asociación do Monte Pindo e numerosas asociacións ecoloxistas galegas.

A xunta, afirmou, “fixo oídos xordos durante todos estes anos” e agora temos que lamentar a perda dun espazo de “gran valor mediomabiental, simbólico e emocional”.

Hai incendiarios e políticas incendiarias do Partido popular

Desta maneira pronunciouse Tereixa Paz para explicar que o problema dos incendios é de tipo “estrutural” e dunha inexistente política forestal para protexer o monte galego.

No caso do Monte Pindo, dixo, que ademais é un monte consorciado, a Xunta é responsable das tarefas de prevención con medidas específicas que, desgraciadamente, nin se contemplan nin se aplican.

Paz criticou as afirmacións de Feijóo sobre a “exclusiva responsabalidade dos incendiarios” e asegurou que a Xunta tenta distraer a atención cando a súa responsabilidade, dixo, é poñer en marcha unha política preventiva e de ordenación do espazo forestal, “xa sabemos que o responsable é o que prende o lume” reiterou, pero tamén o Partido popular aplica “políticas incendiarias” e a responsable de Medio Rural e o Presidente da Xunta non poden seguir con esta práctica de “escaqueo flagrante”.

O BNG pide rigor a Rosa Quintana e a Feijóo

Núñez Feijóo, engadiu, debería ser “más rigoroso” nas súas declaracións e repasar a memoria da Fiscalía Superior de Galiza que confirma que a proliferación dos incendios en Galiza débese “aos recortes no dispositivo de loita contra o lume, a falta de prevención e tamén a falta de medios para investigar os incendios”.

A deputada cualificou de “solemne tonteria” que Núñez Feijóo anuncie que a Xunta ser personará en todos os preitos penais contra incendios porque debería saber que a Fiscalía está personada como acusación en todos eles e na maioría dos casos, “as persoas detidas non son culpables do incendio”.

A parlamentaria pediu a Feijóo “rigor e seriedade” e que deixe de “agocharse detrás dos incendiarios”, o Partido popular, dixo, debe abandonar as “políticas incendiarias” e a política volcada no “forestalismo salvaxe” consistente na plantación de especies de crecemento rápido para que sigan crecemento grandes empresas.

 Rabia, frustración e impotencia

Ramón Noceda, alcalde de Carnota asegurou na súa intervención sentir “rabia e impotencia” ante un incendio que non debera terse producido nunca tendo en conta, afirmou, que o concello pediu á Xunta de Galiza durante máis de tres anos a declaración de Parque natural do Monte Pindo.

O alcalde de Carnota explicou que non é a primeira vez que o concello sofre as consecuencias dun incendio como o ocorrido no ano 2006 ás que sumou as producidas pola catástrofe do Prestige, “creo que a intención do incendio foi acabar coa posibilidade de ser declarado Parque Natural” dixo, e anunciou que se a Xunta non adopta medidas para recuperar a zona, “ímolo facer nós, na nosa nación hai suficiente conciencia como para tomar as rendas” para recuperar o Monte Pindo.

Si a Xunta “non se pon as pilas”, sentenciou, o concello de Carnota tomará a iniciativa e “se tod@s botamos unha man, ímolo conseguir”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG