Cumio municipal do BNG contra os recortes do PP, porque outra maneira de gobernar é posible

O BNG celebra a vindeira semana unha xornada de política municipal coa presenza dos alcaldes e alcaldesas nacionalistas para abordar a estratexia posta en marcha nos concellos gobernados polo Bloque contra a política de recortes e subida de impostos regresivos do PP e, por outro lado, analizar as consecuencias que a reforma local vai ter na prestación de servizos á cidadanía.

Presentacion campaña Reforma dos concellos, ruína para a cidadanía

Este cumio municipal estará presidido polo portavoz nacional, Xavier Vence, e contará coa presenza doutros membros da Executiva do BNG, como o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartin, ou o secretario de organización, Bieito Lobeira.

O obxectivo da xornada é evidenciar ante a sociedade que o BNG, alí onde ten capacidade de goberno, pon en marcha medidas e propostas alternativas aos recortes impulsados polo PP desde o Goberno central e desde a Xunta, co obxectivo de minimizar o impacto que a crise e das medidas regresivas do PP están a ter sobre os colectivos sociais máis vulnerables: desempregad@s, pensionistas, doentes crónicos, desafiuzad@s, persoas en risco de exclusión social, entre outros.

A outra cuestión que se analizará nesta xornada son as consecuencias da Reforma Local impulsada desde Madrid, que supón unha invasión sen precedentes das competencias municipais a favor das deputacións e deixará á veciñanza dos municipios de menos de 20.000 habitantes sen servizos que agora prestan os concellos.

Entre os servizos afectados: asistencia social a domicilio así como as prestacións que dependen dos traballadores e traballadoras sociais dos concellos, centros de día, políticas de dinamización de emprego, escolas infantís, comedores escolares ou as prestacións deportivas e culturais. A reforma local abre a porta a súa privatización.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG