Davila a Rajoy: "Vostedes son campións en reducción de salarios que é do que presumen polo mundo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou esta mañá a intervención do Presidente do Goberno español no pleno que veu informar do pasado Consello Europeo do 24 e 25 de outubro.

Davila afirmou que o Consello Europeo foi “máis do mesmo en canto ás políticas fracasadas da UE, e nos referimos a temas económicos como a unión bancaria. Un Consello irrelevante desde o punto de vista dos graves problemas como o da inmigración en augas do Mediterráneo”.

Considerou papel mollado que se insistira na importanza da investigación e innovación para impulsar a competitividade cando “vostedes non asumen ningún compromiso nos Orzamentos do Estado 2014 en I+D+I. O estado español seguirá á cola en innovación”. “Do que si son campións é na reducción dos custes salariais, que é o que vostede vende polo mundo adiante como cando foi a Xapón, que vendeu competitividade porque baixaron os salarios”. E reprochou ao Presidente do Goberno a falla de políticas para combater o paro xuvenil, e lembrou “os miles de mozos e mozas que se van ao exilio económico”.

En canto ao capítulo da inmigración, a portavoz do BNG criticou que “após da traxedia de Lampedusa a UE pasase de puntillas por un problema humanitario de primeira orde. Nada decidiron e todo ficou posposto”. E censurou á UE por estar “alonxada dos problemas económicos e sociais da cidadanía porque só lles interesa mirar polos intereses da banca”.

No que atinxe á axenda dixital, Davila reprochou que o Consello Europeo non cumpra co que di. “Foron incapaces de pór fin ao roaming, e que os cidadáns europeos non paguen polos abusos tarifarios ao sair do territorio propio. Que foi da ide ade que as operadoras ofrezan aos usuarios as mesmas condicións de custe tanto dentro como noutros paises europeos?”.

A espionaxe. O BNG pide a comparecencia de Margallo

Non esqueceu Davila o escándalo da espionaxe masiva de EE.UU. “Non imos pasar por alto o único tema que parecía estar presente entre os mandatarios do Consello europeo, a das escoitas masivas de EE.UU”. A deputada do BNG asegurou que “esta maneira de proceder da Administración norteamericana non lle sorprende a esta formación política posto que ven do xendarme mundial, pero non rebaixa a gravedade dos feitos”.

A portavoz do BNG acusou a Rajoy de “quedarse corto nos seus pronunciamentos por moito que lle deban certa vasallaxe a EE.UU. Limítanse a sinalar que se rompeu a confianza e que é inaceitábel cando estamos a falar de que a Axencia Nacional de Seguranza norteamericana (NSA) realizou controis masivos de comunicacións no estado español que atentan contra a legalidade vixente”. Señor Presidente, ironizou Davila, “para que van vostedes a ser máis contundentes se ao final son necesarios colaboradores de EE.UU?”, en clara alusión ás informacións que indican que o Goberno español espiou e logo entregou dados á EE.UU

Para tratar con seriedade e profundidade este tema dada a maraña existente, as deputadas do BNG solicitaron esta mañá a comparecencia urxente do Ministro de Asuntos Exteriores para que acuda á Cámara a informar sobre a grave situación diplomática xerada pola espionaxe masiva de EE.UU e a actitude colaboradora do Goberno español nese sentido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG