Vence: "O BNG ten un proxecto de goberno para o país e aspira a ser unha forza política maioritaria"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, protagonizou a entrevista deste domingo da Radio Galega na que valorou diversas cuestións de actualidade política e na que deixou claro que o Bloque ten un proxecto de goberno para o conxunto do país.

“O BNG ten un proxecto de goberno para Galiza e aspira a ser unha forza política maioritaria que se dirixe a toda a cidadanía, con propostas que conforman un proxecto de país que permita a todos saír da situación de crise na que estamos metidos e empezar a albiscar un futuro”, declarou.

Neste sentido, indicou que o Bloque “non fai política de xestos de cara a galería, nin está interesado no espectáculo mediático” senón en buscar solucións aos problemas “moi graves” que ten o país. “Traballamos no Parlamento, na rúa, nos centros de traballos, nos concellos, cos sectores produtivos con propostas alternativas para mellorar a situación dos galegos e das galegas”, recalcou.

Vence contrapuxo o traballo en positivo do BNG coa “estratexia de crispación política” de Feijóo, empeñado en “demonizar á oposición” desde “unha soberbia” que non se merece Galiza, “cando o normal sería que dialogase con aqueles que representamos a unha parte moi importante da cidadanía".

Citou a estafa das preferentes e o espolio de NGB como exemplos nos que o presidente da Xunta debería estar liderando unha proposta para, nun caso, que os aforradores recuperen todo o seu diñeiro e, no outro, que non se consuma o roubo do sistema financeiro galego.

“Espero que Feijóo teña altura de miras e recolla as propostas que ofreza o BNG durante o debate de estado da autonomía”, demandou de cara a esa inminente cita parlamentar.

Soberanía para decidir

O portavoz nacional volveu a explicar que Galiza precisa ter as ferramentas para  decidir naqueles asuntos nos que se xoga o seu futuro, aínda con máis urxencia en momentos de crise.

“Necesitamos ter ferramentas para tomar decisións para crear emprego, -porque en 92.000 fogares todos os seus membros están en paro-,  para tirar da nosa industria,  para desenvolver a nosa agricultura e a nosa pesca e para poder ter un servizos públicos e de benestar á altura do que a nosa cidadanía necesita. A soberanía significa esa capacidade de decidir”, argumentou.

“Estamos vendo como nos rouban NGB, na que temos colocado 9.000 millóns de euros de todos nós por unha decisión do Goberno central, co silencio cómplice de Feijóo. Se Galiza tivera capacidade de decisión, se Galiza tivera soberanía, ese espolio do noso aforro non se produciría, e teriamos unha banca pública galega”, asegurou.

Eleccións europeas

Igualmente, Vence reiterou que a mellor opción para defender os intereses de Galiza en Europa e “a unidade de todo o nacionalismo galego” e por iso mantén a man tendida a Anova na confianza de que, finalmente, “bascule” cara unha coalición unitaria galega ás eleccións europeas “na que podamos ir todos os nacionalistas unidos”. Reiterou que o BNG non vai “supeditar os intereses de Galiza á estratexia electoral de ningunha forza estatal, tampouco de IU”.

O portavoz nacional considera que hoxe “unha grande parte da cidadanía e, desde logo o electorado nacionalista, non entendería que o nacionalismo galego se puxera baixo o paraugas dunha forza estatal para ir a Europa, desde o convencemento de que a mellor opción para dar a Galiza voz directa no Parlamento Europeo é a unidade do nacionalismo”, argumentou.

 

Escoita neste enlace a entrevista completa da RG a Xavier Vence:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/xavier-vence-voceiro-nacional-do-bng

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG