O BNG pide a dimisión da alcaldesa de Sansenxo por presunto delito de prevaricación

O BNG demanda a dimisión inmediata da alcaldesa de Sansenxo, Catalina González, e de todos os demais imputados por presunto delito de prevaricación en relación a xestión urbanística, dada a situación de alarma social xerada e o evidente perxuízo a imaxe da institución municipal.

A imputación da alcaldesa, por presunto delito de prevaricación, e dos restantes imputados tanto  políticos como técnicos da Xerencia de Urbanismo, ten provocado na cidadanía, e aos veciños e veciñas de Sanxenxo en particular, unha situación de alarma social, que ven precedida xa por numerosas sentenzas desfavorables tamén relacionadas  coa xestión urbanística, con resultados que están a afectar gravísimamente ás arcas municipais do concello de Sanxenxo.

O BNG agarda que a Administración de xustiza esclareza as responsabilidades penais que se puideren derivar das actuacións da alcaldesa e do seu goberno municipal no exercicio das responsabilidades derivadas do seu cargo. É fundamental chegar ao fondo dos asuntos investigados e demostrar un comportamento exemplar das persoas que representan e foron elixidas polos veciños e veciñas do noso concello.

As persoas que pertencen a partidos ou organizacións políticas teñen que ser as primeiras en dar exemplo de transparencia, ética e dunha conduta apropiada. O feito de ser imputados como consecuencia dun presunto exercicio irregular e ser encausado pola autoridade xudicial reporta a obriga de presentar a dimisión inmediata.

Respectando a presunción de inocencia e o dereito á defensa das imputacións atribuídas, os imputados deben abandonar os seus cargos públicos para non danar a imaxe da institución municipal e, asimesmo, para que poidan defenderse diante da xustiza sen comprometer a xestión cotiá do noso concello.

Se os cargos políticos imputados non asumen as súas responsabilidades e non formalizan a súa dimisión, o BNG esixirá que actúen os máximos dirixentes do PP, o presidente provincial Rafael Louzán e o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo,  para que obriguen a alcaldesa de Sanxenxo e demais imputados a que abandonen os seus cargos.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG