Davila cualifica o discurso de Montoro de "propio dun mago ilusionista"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou este mediodía despois de escoitar a intervención do Ministro de Facenda no pleno que “fixo un discurso máis propio dun mago ilusionista que está tratando de convencernos duns Orzamentos que son fraudulentos”.

Ás 12 horas comezou o debate dos Orzamentos Xerais do Estado 2014 coa defensa que Montoro fixo das contas do Estado. Unha intervención na que tratou pouco dos Orzamentos e que seguiu unha liña triunfalista sobre a situación económica.

Davila criticou as partidas do Estado por “seren fraudulentas, e porque contrariamente ao que dixo o Ministro, non sirven para a recuperación económica. Non sirven para a mellora do estado de benestar porque reducen as prestacións sociais. Non sirven para a creación de emprego e están pensados para non cumprilos”, en clara alusión aos novos recortes anunciados polo Goberno para o 2014 e 2015.

A portavoz do BNG negou a pretendida recuperación tan reiterada de maneira entusiasta polo Ministro, “porque as mesmas previsións de medre do Goberno non recollen ningunha recuperación. Se a isto lle engadimos que hai un recoñecemento de que haberá unha diminución da demanda interna, está claro que o número de desempregados se vai incrementar incluso”.

O paro é o que menos importa ao Goberno.

A deputada nacionalista reprochou a Montoro que “en ningún momento falase dos 6 millóns de parados e paradas” e considerou “terríbel que os únicos momentos nos que parecía estar a gosto era cando falaba das cifras macroeconómicas, cando falaba do cumprimento do défice, porque é o único que lles importa”. Ironizou con certa incomodidade por parte de Montoro cando tivo que “falar de protección social. Notóuselle que non era o seu terreo xa que as partidas do Ministerio de Sanidade e Asuntos Sociais se rebaixaron nun 34%, e en concreto, o destinado a protección social se reduciu nun 36%”.

Olaia Fernández Davila afirmou que os Orzamentos do Goberno “están unicamente dirixidos a pagar a débeda, centrados no obxectivo de défice, e son inservíbeis para resolver a situación de crise, e moito menos o paro”.

Concluiu lembrando as palabras de Montoro cando dixo no Pleno que “estamos ante un fenómeno inédito, pensamos desde o BNG que o inédito esta mañá aquí foi o Ministro”. Mañá a portavoz do BNG defenderá a emenda á totalidade aos Orzamentos do Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG