O BNG pide no Parlamento o indulto para os sindicalistas, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas

Serafín Rodríguez (CIG) e Carlos Rivas (UGT), sindicalistas condenados por participar nun piquete infomativo

O grupo parlamentario do BNG leva a Cámara galega a petición de indulto para Serafín Rodríguez (CIG) e Carlos Rivas (UGT) condenados a tres anos de prisión por defender os dereitos dos traballadores nunha folga do transporte no ano 2008

Serafín Rodríguez (CIG) e Carlos Rivas (UGT), sindicalistas condenados por participar nun piquete infomativo

A portavoz de Xustiza do BNG, Tereixa Paz rexistra no Parlamento galego unha iniciativa para pedir o indulto dos dous sindicalistas, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas condenados a tres anos de cárcere pola súa participación nun piquete informativo.

O grupo parlamentario nacionalista solicita un pronunciamento do Parlamento galego e a petición ao Goberno do Estado e Consello de Ministros con carácter inmediato o indulto dos dous sindicalistas condenados.

Tereixa Paz lembra que o O Xulgado do Penal nº 1 de Vigo ditou unha sentenza na que se condenaba aos sindicalistas ,a penas de prisión pola súa participación nunha folga do transporte no marco da negociación do convenio colectivo de Pontevedra, sentenza ratificada dous anos despois pola Audiencia Provincial de Pontevedra.

Unha situación, que as organización sindicais CIG, UGT e CC.OO. consideran inxustificada por aplicar o artigo 315.3 do Código Penal, “atentado contra os dereitos dos traballadores/as,” cando o que debera prevalecer é o dereito de folga. As organizacións solicitaron do Consello de Ministros a concesión do indulto que foi denegado o pasado mes de decembro.

Deste xeito, tal e como denuncian dende as tres centrais maioritarias, os dous traballadores afectados atópanse á espera de que o Xulgado lles comunique o ingreso en prisión, logo do cal terán un prazo de 10 días para facelo efectivo.

Tereixa Paz

A petición de indulto ía avalada pola sinatura de miles de cidadáns que consideran esta condena de carácter ideolóxico, coa que se pretende criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora e que os movementos sociais e sindicais non lle fagan fronte ás políticas regresivas en dereitos.

 O Consello de Ministro concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción como banqueiros e cargos políticos

Esta decisión do Consello de Ministros contrasta, afirma a deputada, coa laxitude coa que concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción, banqueiros ou cargos políticos como a do Sr. Matas ao que se “ permite adiar o seu ingreso en prisión á espera de resolver a petición de indulto”.

Ante esta situación, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego considera que o Parlamento de Galiza, como representante da cidadanía galega debe pronunciarse inequivocamente a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración a petición que acaban de reclamar os sindicatos maioritarios e miles de cidadáns galegos, petición que este grupo comparte.

O BNG defende no Parlamento instar ao Goberno Galego a que se dirixa ao Goberno do Estado a fin de solicitar, con carácter inmediato, do Consello de Ministros a concesión da “medida de graza” de indulto aos sindicalistas, Serafín Rodríguez e Carlos Rivas.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG