Vence: "A LOMCE é antisocial, antigalega e privatizadora do ensino"

O BNG pide a retirada do anteproxecto da Lei orgánica de mellora da calidade do ensino (LOMCE) por considerar que promove a privatización do sistema educativo apoiando o ensino privado e concertado en detrimento do público, dificultando o acceso á educación as familias con menos ingresos, por ser claramente antigalega en contidos e no uso do idioma propio e por invadir competencias da Comunidade Autonónoma.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, contra unha lei “socialmente regresiva”.

“Estamos diante dunha contrarreforma educativa do PP que privatiza o ensino e reduce as posibilidades de acceso dos fillos e das fillas das familias máis humildes, cunha clara aposta polo ensino privado e concertado”, explicou Vence, ao que se suman medidas como o recorte nas axudas e nas bolsas aos estudantes, combinado cunha subida das matrículas.

Vence tamén salientou o carácter “antigalego” e “recentralizador” da coñecida como lei Wert: “É un proxecto españolizador e antigalego porque reduce os contidos educativos relativos a nosa realidade, a nosa historia, ao coñecemento do noso medio, e reduce tamén o uso do galego como idioma propio elevando ao castelán á categoría de língua vehicular que debe ser garantida en detrimento do galego”.

Para o BNG, a Xunta debía encabezar a oposición a esta lei. “Feijóo debería posicionarse claramente en contra porque, ademais de ser socialmente regresiva, invade as competencias do Goberno galego xa que será Madrid quen fixe o currículum cos contidos formativos”, advertiu.

Tramitación parlamentar

Está previsto que a LOMCE se vote no Congreso o vindeiro 10 de outubro, sen que o PP asuma un consenso mínimo coas forzas políticas da oposición que teñen presentado centos de emendas. “O PP é inmune a todas as propostas do BNG e do conxunto da oposición. Iso si, incorporou unha prosposta de UPyD que vai na dirección de reforzar a imposición do español no sistema educativo en detrimento do propio idioma de cada territorio”, lamentou Vence.

 Foto do marcha contra a LOMCE: CIG

Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/p/manifesto-contra-lomce_4.html

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG