Rosana Pérez demanda ao Goberno que anule a decisión de retirar a tarxeta sanitaria a emigrantes

congresoBNG6As deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar na Cámara para demandar ao Goberno que anule a decisión de retirar a tarxeta sanitaria aos emigrantes que permanezan no estranxeiro máis de 90 días.

Rosana Pérez explica que o pasado 26 de decembro o BOE publicou a disposición adicional ao Texto Refundido da Lei Xeral de Seguridade Social, que retira a prestación sanitaria pública ás persoas desempregadas e sen prestación que emigren a paises estranxeiros e permanezan alí máis de 90 días.

Denuncia a deputada do BNG que esta medida “afecta especialmente á mocidade, moitos obrigados a coller a mala debido á falla de expectativas laborais no estado español. E afecta a persoas desempregadas que non ven outra saída que a emigración”.

A emigración aumenta segundo os dados do INE

A deputada do BNG pón de releive os dados do INE sobre emigración no estado español: calcúlase que ao redor de 600.000 persoas abandoaron o estado o pasado ano 2013. No caso concreto de Galiza, hai que salientar que un total de 12.854 galegos e galegas emigraron no primeiro semestre de 2013, 5.680 ao estranxeiro e 7.174 a outras zonas do estado.

Por tanto, conclúe, “é unha mala noticia para as miles de persoas que na súa desesperación só lles queda a opción de emigrar”, e engade que con esta decisión “o Goberno volta a cargar contra o eslabón máis débil da cadea social, desempregados”.

Ademais, recalca Rosana Pérez, “tres meses no estranxeiro non é un período de tempo suficiente como para deixar sen tarxeta sanitaria a miles de cidadáns”. Reprocha Rosana Pérez ao Goberno a “súa ansia por aforrar a costa dos cidadáns” e critica que se atente contra un dereito recoñecido. “O Goberno empeñouse en atentar contra o dereito universal á sanidade pública. Primeiro acota o terreo aos inmigrantes, e agora fai o mesmo cos emigrantes”.

As parlamentares do BNG piden ao Goberno que reflexione sobre esta medida e que anule esta decisión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG