Vence pide a Feijóo que explique por que Galiza ten que pagar o rescate das autoestradas de Madrid

VENCE ROLDA DE PRENSA1

O Goberno de Rajoy prevé rescatar as autoestradas radiais madrileñas a conta dos orzamentos do Estado por un importe de 4.600 millón de euros, -que sairá do peto dos contribuíntes, incluídos os galegos e galegas-, a pagar cunha emisión de débeda a 30 anos cun interese do 4,25% pactado coa gran banca.

Ante este “espolio” auténtico “insulto” á cidadanía, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, insta a Feijóo a actuar como presidente de Galiza e defender os intereses do país antes que a conta de resultados de ACS, Ferrovial, Abertis ou Sacyr, “o lobby das grandes empresas construtoras madrileñas amigas do PP”.

“Emprazo a Núñez Feijóo a ter a valentía de denunciar que os galegos e as galegas non podemos sufragar o rescate das autoestradas madrileñas”, porque, alegou, “Galiza non ten porque asumir os erros de decisións de especuladores, -banca e empresas concesionarias-. Pensamos que non deben recibir recursos públicos pero, en todo caso, se as queren rescatar que o fagan con recursos da Comunidade de Madrid”, sentenciou Vence.

Neste sentido, o portavoz nacional anunciou que o Bloque presentará unha batería de iniciativas no Congreso e no Parlamento autonómico “para denunciar este espolio de recursos públicos e paralizar o proceso”.

O dirixente nacionalista subliñou que Galiza “xa ten os seus propios problemas” soportando “unhas peaxes directas e na sombra” que supoñen “unha sangría” tanto para o usuario, a maioría traballadores e traballadoras, como para as empresas, cuxa competitividade se ve lastradas polas tarifas abusivas que soportan.

Deste xeito, o BNG defenderá na Cámara galega un modelo de xestión pública das infraestruturas que faciliten un uso que permita unha conexión entre todo o territorio en condicións de gratuidade ou, cando menos nun primeiro paso, con peaxes asumibles para os usuarios.

Nesta liña, Vence pide ao Ministerio de Fomento e a Xunta “que se deixen de escenificacións de cara a galería”, motivadas pola indignación social que provoca a xestión da AP-9, e que se proceda a transferencia libre de cargas desta infraestrutura “chave” para o desenvolvemento do país, “porque foi o PP con Aznar quen cometeu o despropósito de prolongar ata 2046 a concesión desta vía”, denunciou.

Vence contrapuxo o modelo de xestión pública das infraestruturas que defende o Bloque co “capitalismo con rede” do actual sistema de xestión en base a concesións. “As grandes concesionarias ínflanse a beneficios e se lles vai mal, rescate con recursos públicos”, sintetizou o portavoz do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG