Rajoy pretende recortar a Galiza 400 M€ para pagar a factura do déficit estatal

O BNG lanza unha “voz de alarma” contra a estratexia do PP de minguar a capacidade de autogoberno do país, afondando nun proceso que conduce a unha Galiza cada vez máis anémica no exercicio das súas competencias.

Vence e Jorquera en rolda de prensa

O último ataque ao autogoberno é a proposta do Executivo central de esixir un novo recorte na capacidade de gasto das Comunidades Autónomas por unha cifra global de 8.000 millóns de euros no prazo de dous anos.

“Esa medida suporá para Galiza un recorte de 400 millóns de euros na súa capacidade de gasto e, polo tanto, na súa capacidade de investimento, e supón, igualmente, un novo ataque á capacidade de autogoberno para exercer as nosas competencias e atender as necesidades dos sectores produtivos, dos servizos públicos e da cidadanía do país”, explicou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Neste sentido, Vence solicitou ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que non supedite os intereses de Galiza á “voracidade” de Madrid e que “non asuma esa nova imposición”.

O debate do estado da nación tamén foi “revelador” desta estratexia do PP de “minusvalorar” o autogoberno e as competencias de Galiza.

En concreto, o portavoz nacional salientou a intención de reducir o número de escanos no Parlamento galego, “o que é o mesmo que reducir a capacidade lexislativa, a pluralidade políticas en aras dos intereses electorais do PP”. “O BNG quere que o Parlamento sexa un fiel reflexo da sociedade e que os votos dos galegos teñan o mesmo valor en calquera parte do país”, alegou Vence.

A renuncia expresa de Feijóo a loitar para que NGB se converta en banca pública galega e a negativa para reclamar un sistema de financiamento propi, mentres medra  o tramo do IRPF estatal a costa do autonómico, van na mesma dirección de minusvalorar o autogoberno de Galiza a favor dunha recentralización “nefasta” para o futuro do país, concluíu o portavoz nacional.

Na mesma liña se pronunciou o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, quen puxo en evidencia a falsidade do enfático chamamento ao diálogo de Feijóo, cando o único que buscaba era "un pacto de silencio", tras amosar que carece de "propostas e iniciativas" que consensuar coa oposición en beneficio de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG