Pleno:Rosana Pérez pide a retirada do proxecto do sector eléctrico porque prexudica a Galiza

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, explicou no pleno desta mañá o rexeitamento do BNG ao proxecto de lei do sector eléctrico, ao que as nacionalistas galegas lle presentaron emenda de totalidade.

Rosana Pérez afirmou que “estamos ante un proxecto centralista e centralizador porque impide o deseño de políticas enerxéticas propias das CC.AA. De feito, o proxecto elimina o Réxime Especial, no que tiñan competencias e capacidade de actuar as CC.AA”. “É unha lei centralista que non contempla as diferentes aportacións ao sistema eléctrico desde o ámbito territorial e que impide a territorios excedentarios como o galego o desenvolvemento dunha política enerxética propia”.

Ademáis, subliña, “ábrese a porta a que CC.AA con impostos propios, como na Galiza á actividade de subministro eléctrico, paguen un suplemento territorial. Unha medida que discrimina ao territorio galego que soporta as instalacións de xeración e en lugar de estar recompensada polo impacto medioambiental, vai resultar prexudicada”.

Galiza como excedentaria debería ter unha tarifa propia

Rosana Pérez demandou que non se impoña unha tarifa única para o Estado, senón que debe haber un prezo asociado á situación de territorio excedentario ou deficitario. Nese sentido, lembrou que Galiza é un territorio excedentario e debería ser compensada e ter un prezo propio.

Ademáis, a deputada do BNG fixo alusión á cuestións medioambientais porque o proxecto antenta contra o medio ambiente ao frear as enerxías renovábeis, ás que cada vez relega máis a unha posición secundaria, optando por incentivar aínda máis enerxías non limpas. Rosana Pérez puxo de manifesto que “estamos ante unha lei non dialogada e o Goberno segue o mesmo guión doutras moitas leis. Non fala nin coas CC.AA nin coas axentes sociais, nin con ninguén”.

Rosana Pérez acusou ao PP de querer só garantir a sostenibilidade económica e financeira do sistema eléctrico pero non se preocupa polos consumidores e usuarios porque non se contemplan medidas para garantir o servizo eléctrico ao menor custe posíbel. Ademáis, mantén as causas estruturais que provocan o défice tarifario e o mercado oligopolístico.

Subliñou que o problema do défice tarifario está no sistema de prezos: “un sistema de xeración de prezos totalmente opaco e inxusto que xenera uns beneficios estraordinarios, chamados beneficios “chovidos do ceo”, aos axentes xeneradores de electricidade, sobre todo os das enerxías xa amortizadas como as hidroeléctricas ou a enerxía nuclear”. Nese sentido, pediu ao Goberno que modifique a normativa sobre os prezos eléctricos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG