Rosana Pérez reclama a Wert que dea marcha atrás na decisión de acurtar as bolsas Erasmus

DSC_0562A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandar ao Ministerio presidido por José Ignacio Wert que dea marcha atrás na decisión de acortar a duración das estancias das bolsas Erasmus.

Non se pode xogar constantemente coas bolsas Erasmus

Rosana Pérez critica a “nova polémica do Ministerio sobre as bolsas Erasmus, trasladando unha constante inestabilidade aos estudantes con continuos anuncios de cambios, recortes ou modificacións. Cando o grande problema é a redución do orzamento destinado ás axudas ao estudo”.

Para a deputada do BNG “parece que as bolsas Erasmus están gafadas porque o Ministerio está empeñado en reducilas ás mínima expresión”. A nova idea do Ministerio suporá que as Erasmus pasarán dunha estancia que viña durando case todo o curso ou ao redor dos oito meses, a pasar a un semestre.

Neste sentido, Rosana Pérez afirma que “facer un curso completo nun pais estranxeiro parece o máis lóxico posto que se require dun tempo de adaptación tanto por cuestións académicas como lingüísticas. Algo que recomendan os propios reitores, sabedores do nivel existente en canto aos idiomas”.

De feito, subliña, o reitor da Universidade de Santiago e portavoz da CRUE, sinalou que nun catrimestre non se domina o idioma, sobre todo co défice dos estudantes neste eido.

“É consciente o Ministerio do défice en idiomas que teñen os estudantes do estado español, o que supón ralentiza os procesos de adaptación dos beneficiarios das Erasmus en países estranxeiros? Non cre que nun semestre non lles da tempo a situarse?”.

Para a deputada do BNG o problema fundamental está no recorto no orzamento adicado a bolsas e axudas ao estudo, “a partir de aí todas as decisións que adopta o Ministerio son máis do mesmo, e se resumen nunha palabra: recorte”. As consecuencias, indica, son sempre para os estudantes, para as familias con menos recursos económicos e para o ensino público.

Rosana Pérez critica a “nova enxeñería contábel do Ministerio coas bolsas Erasmus. Só o fan para exhibir publicamente que se mantén o número de estudantes beneficiarios así como as contías, mentras poñen a tesoura na duración das mesmas”.

A deputada do BNG salienta que calquer solución pasa por incrementar as partidas destinadas a bolsas e axudas e insta ao Ministerio a ter en conta as recomendacións e consideracións da CRUE neste sentido, e pídelle que reconsidere a decisión de acortar as bolsas Erasmus.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG