O BNG pide no Pleno a retirada dos recortes das pensións e acusa ao PP de promover pensións privadas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu esta tarde na sesión plenaria a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de le de reforma das pensións porque só pretende a eliminación dos sistema público de pensións.

Davila acusou á Ministra de Emprego, Fátima Báñez, de aplicar un ideoloxismo nada favorábel ao sistema público de pensións para “insertar un sistema mixto, público-privado, e potenciar os plans de pensións privados”. Dese xeito, puntualizou, as “pensións dos nosos maiores convertiránse noutra materia coa que comerciar como pasa coa sanidade, coa educación ou cos servizos sociais”.

A deputada do BNG salientou “o desmesurado interese que entidades financeiras mostran desde hai anos por exhibir estudos e informes relacionados co futuro das pensións. E sempre recomendan contratar sistemas complementares, máis as súas previsións catastróficas nunca se cumpriron”.

Non nos enganan coa da sostenibilidade, deben crear emprego

Criticou a utilización da sostenibilidade para xustificar os recortes como se fixo no 2011, unha lei que aínda entrou en vigor este ano 2013.

Davila afirmou que “ninguén nega a repercusión da crise nas arcas da Seguridade Social, e sobre todo, as nefastas consecuencias da reforma laboral. Perdeuse máis dun millón de cotizantes, rebaixáronse as bases de cotización de traballadores coa conseguinte repercusión na Caixa da Seguridade Social. Sume Señora Ministra, menos cotizantes e menores bases de cotización dan como resultado unha reducción dos fondos”.

A solución, Señora Ministra, “non está en recortar as pensións senón en impulsar políticas destinadas á creación de emprego de calidade e con salarios dignos que mellore nas cotizacións”. Aportou dados ao respeito que indican que o estado español está na cola dos países da UE en canto a gasto social. O gasto público en pensións foi en 2010 do 10,7% do PIB, fronte ao 13% de media da UE, o 12,8% de Alemaña ou o 14,4% de Franza.

Reprochou ao Goberno estar asumindo as recomendacións do Comité de Expertos que segue a voltas co factor de sostenibilidade que se “converteu nun tótem e un instrumento de axuste permanente das pensións”. Criticou que se desliguen as pensións do IPC, e que se “socave o camiño para que os pensionistas perdan poder adquisitivo”. Lembrou que en torno ao 50% das pensións contributivas do Estado se sitúa por debaixo dos 650 euros mensuais, e que o 27,7% teñen complementos a mínimos por non acadar a contía mínima.

Unha situación, puntualizou Davila, que se vive con especial dramatismo en Galiza que conta coas pensións máis baixas do Estado. Demandou á Ministra outras solucións como a de actuar sobre os ingresos, reformando o sistema fiscal para facelo máis progresivo e loitar contra a fraude e a evasión fiscal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG