Vence ao embaixador de Israel: "Cando comezo esta carta son máis de 200 persoas asasinadas en Gaza"

O portavoz nacional, Xavier Vence, remitiu unha carta en nome do BNG ao embaixador israelí, Alon Bar, para reclamar o cese inmediato da masacre que está a perpetrar o Goberno de Benjamin Netanyahu sobre o pobo palestino e instando ao cumprimento das resolucións da ONU.

“Como representante dunha forza que acredita no dereito de autodeterminación dos pobos, non podo deixar de transmitirlle a rabia e a dor que observo ao meu redor ante o que non pode máis que cualificarse como un crime de lesa humanidade do que terán que responder o Estado e o Goberno de Israel”, denuncia Vence no escrito.

“Cando comezo a escribir esta carta son máis de 200 as persoas asasinadas en Gaza nos últimos días polo exercito israelí”, expón o dirixente nacionalista, a maior parte civís, como consecuencia das “ansias imperialistas de Israel” e da “complicidade” de moitos países occidentais.

A estratexia de aniquilación do pobo palestino non se limita a masacre dos últimos días, senón que a política “xenocida” practicada polo Estado de Israel, a base de detencións masivas, batidas policiais, asasinatos, destrución de casas e infraestruturas vitais para o pobo palestino.

Carta ao Parlamento galego

Na misiva, o portavoz nacional lembra a carta que Alon Bar dirixiu á presidenta do Parlamento galego na que criticaba a resolución unánime desta institución a prol do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas para pór fin ao sometemento do pobo palestino e recoñecer os seus dereitos colectivos. 

“Quero hoxe reafirmar, en nome de toda a cidadanía galega solidaria co pobo palestino, ese acordo parlamentar que unicamente propoñía camiñar cara á resolución dun conflito desigual onde un Estado poderoso esmaga un pobo, asasina mulleres e crianzas e planifica a eliminación total de quen só pretende vivir dignamente na súa terra”, recalca Vence.

O BNG “en plena consonancia co desexo de milleiros de compatriotas”, pide ao embaixador que “manifeste publicamente a necesidade de que cesen de inmediato as hostilidades e ataques contra o pobo palestino”, porque o respecto á dignidade humana “non é compatíbel co escenario de asasinatos, de destrución, de xenocidio calculado que o Estado que vostede representa está a exercer de maneira sanguinaria”.

En caso contrario, “só caberá declaralo como persoa non grata pola súa incapacidade manifesta para se comprometer cos dereitos inalienábeis das persoas e dos pobos”, conclúe.

Nota: adxuntamos texto da carta

Carta_Embajador_Israel_160714

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG