Galiza perde o seu sistema financeiro e a oportunidade de ter unha banca pública por 400 M€

novagaliciabancoMadrid, coa “compracencia” de Feijóo, consumou a “colonización financeira de Galiza” deixando o control do 40% do aforro do país en mans da entidade venezolana Banesco que, pese a ter a metade de activos que NGB, quédase coa entidade galega a prezo de saldo de 1.003 millóns de euros, dos que 600 os abonará en “cómodos prazos ata 2018”.

Tras esta descrición dos feitos, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, salientou que “hoxe é un día triste para Galiza porque perdemos o control do noso sistema financeiro, perdemos como contribuíntes 8.000 millóns de euros e, sobre todo, perdemos a oportunidade de ter unha banca pública galega desde agora mesmo por tan só de 400 millóns de euros”.

Vence subliñou que, dentro das opcións posibles, a venda a Banesco “é a menos mala” das opcións que pretendía executar o Ministro de Economía, Luís De Guindos e a banca española. “O papel do BNG e dos medios de comunicación galegos evitou o mal maior que sería a entrega de NGB á banca española que suporía a desaparición inmediata da entidade e o despedimento masivo da plantilla”, alegou.

O BNG non se vai conformar co mal menor e  seguirá loitando para que Galiza teña unha banca pública e propuxo como primeiro paso a creación inmediata dun Instituto de Crédito Oficial que facilite crédito ás empresas e as familias sen renunciar a recuperación da entidade no futuro, como fixo a propia Venezuela co Banco Venezolano das mans do Santander. Pode facerse se hai vontade política e o BNG ten esa vontade.

En todo caso, valorou que, “a expensas de coñecer as condicións da venda polo miúdo”, se anuncie a continuidade da entidade, da sede e dos centros de decisión en Galiza e o mantemento maioritario do emprego.

Vence criticou a actitude indolente do presidente da Xunta a quen cualificou de “irresponsable” por declarase “tranquilo” ante a desaparición do noso sistema financeiro. “Senón é quen de defender o país, debe dimitir, toda vez que xa ten abandonado Galiza nas mans de De Guindos e de Madrid”, denunciou.

Calendario concentraciónsFiscalía anticorrupción

O dirixente nacionalista reiterou que o BNG vai solicitar á Fiscalía Anticorrupción que abra un expediente de investigación por posible malversación de fondos públicos e prevaricación, tendo en conta que se elixe “o peor momento” para a venda da entidade e a perda “inxustificada” de 8.000 millóns de euros, ás que habería que sumar os máis de 500 millóns de euros roubados pola estafa da preferentes aínda sen recuperar.

Convocatoria social

O BNG fai un chamamento á cidadanía para que mañá saia a rúa e se concentre diante das oficinas centrais de NGB nas principais cidades galegas, como mensaxe clara de que “non hai sitio para resignarse”, a acadar o obxectivo de que Galiza conte cun sistema financeiro propio, como ten Euskadi ou Catalunya.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG