O BNG denuncia "tratro de favor" a Amboiberica na concesión de ambulancias para Galiza

A deputada do BNG, Montse Prado reproba que o Goberno galego priorice un “teórico aforro” que incidirá negativamente na calidade asistencial no transporte sanitario urxente

Montse Prado e Xabier Aboi

 A parlamentaria do BNG, Montse Prado compareceu ante os medios de comunicación, acompañada do representante de CIG e Responsábel do Sector de ambulancias, Xabier Aboi para denunciar a situación provocada polo concurso de transporte sanitario urxente terrestre convocado pola Fundación Pública de Urxencias sanitarias 061, en fase de adxudicación, e da que sairá beneficiada a empresa Amboiberica inmersa en diferentes procesos xudiciais.

A parlamentaria sinalou que o Goberno galego prioriza de “maneira escandalosa” o que logo tentará vender como “aforro económico”, un teórico aforro que repercutirá “de maneira grave” na calidade asistencial. Os empresarios galegos do sector, explicou a deputada, non poden acceder ao concurso ante a imposibilidade de rebaixar os gastos que repercutirían moi negativamente nas condicións laborais dos traballadores e na propia prestación do servizo.

O BNG esixe paralizar o concurso de ambulancias por falta de “transparencia”

O Goberno galego, dixo, en troques de “velar” por un concurso que garanta a calidade na asistencia do transporte sanitario, beneficia a unha empresa de fora de Galiza con “capital risco”. O Goberno galego, afirmou, deixa na “cuneta” ás empresas galegas e preguntou que modelo ten o Partido popular, á vista dun concurso que prioriza a empresa Amboiberica dirixida por un ex-alto cargo do Partido popular e inmersa en diversas denuncias por conflitos laborais polo que reclamou paralizar o concurso por falta de “transparencia”.

Transporte é vital para as persoas enfermas en toda Galiza

Pola súa parte, Xabier Aboi explicou que o concurso contempla 11 ambulancias medicalizadas, 101 ambulancias de soporte básico e 2 ambulancias de apoio, por un montante de 121 millóns de euros máis outros 10 ou 12 por primas de viaxes. Ata agora, as pequenas e medianas empresas galegas ofrecían este servizo pero nos últimos tempos apareceron empresas de fora de Galiza.2

Para Aboi, no concurso existe unha “trampa legal” ao fixar nun 50% a valoración técnica e un 50% económica. Isto, engadiu xa aconteceu en Cataluña e Aragón onde a empresa Amboiberica, que gañou o 50% da concesión en Galiza, “está procesada” por falsificación de viaxes con nomes de pacientes mortos polo que lle foi retirada a concesión en Aragón.

Aboi recalcou que o modelo do concurso basease “nos baixos prezos” e ofertas á baixa chegando mesmo ao 7% nalgúns lotes en Galiza, rebaixa contestada polos empresarios galegos que considerara insostible xa o prezo existente como para sometelo a novas rebaixas.

"Modus operandi" de Amboiberica, tras conseguir as concesións das ambulancias

A estratexia de Amboiberica e sempre a mesma, “non me chegan os cartos e teño que rebaixar as condicións laborais e a calidade asistencial” para despois obrigar á Administración a subir o prezo”, denunciou Aboi. No suposto de que os traballadores non aceptan as condicións son despedidos como aconteceu en Castilla-La Mancha con centos de despidos, igual que en Cataluña e Santander.4

Aboi reclamou que o 061 manteña unha xuntanza co sector e esixiu “transparencia” nas concesións porque este proceso, anunciou, será impugnado. Non se aclara que pasará coa subrogación do persoal ou se nas bases, como na capital galega, vaise permitir que os traballadores fagan gardas de 24 horas seguidas.Xabier Aboi tamén se referiu ás ambulancias “tipo caixón” que serán obrigatorias en Galiza cando están sendo retiradas no resto do Estado.

Finalmente denunciou que a empresa beneficiada da concesión foi creada no ano 2007, e en tan só 8 anos converteuse no “maior tiburón” do transporte sanitario ademais de estar dirixida “polo ex-alcade do PP de Valladolid” e ex-deputado. Pedimos garantías para o servizo e para os traballadores, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG