O BNG pide reforzar o Plan de loita contra o fraude fiscal

Jorquera defende unha emenda de 1,3 millóns de euros  para perseguir os grandes patrimonios e grupos económicos que eluden a facenda en operacións mercantís e transmisións patrimoniais

Francisco Jorquera intervén no pleno de Orzamentos

Pleno. O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu a reforzar o Plan de loita contra o fraude fiscal a través dunha emenda aos orzamentos da Consellería de Facenda con 1,3 millóns de euros ás transferencias correntes á Axencia Tributaria de Galiza.

Propomos ademais, dixo, dotar con 1,1 millóns de euros un plan específico de inspección dos grandes patrimonios e grupos económicos para perseguir as prácticas de elusión fiscal en operacións mercantís e transmisións patrimoniais.

Por outra parte, dotar con perto dun millón de euros a creación dunha oficina de control orzamentario co fin de comprobar a execución de todo o orzamentado.

O deputado do BNG reclamou reducir os gastos de persoal eventual de gabinete e os gastos dos asesores de Núñez Feijóo que representan un “gasto maior” que a anunciada redución de escanos formulada polo Partido popular.

Neste sentido, afirmou que a pretendida redución obedece só a intención do PP de “recortar a democracia” e non a razóns de tipo económico.

No relativo aos gastos, Jorquera propuxo tamén reducir os gastos en publicidade e propaganda, os destinados a gasto inmaterial, e a dotación destinada á realización de estudos técnicos, eufemismo que a xuízo do deputado, “oculta a externalización dos traballos de empregados públicos”.

Informe GESTHA

O parlamentario lembrou que en anteriores debates recomendou a lectura do informe do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (GESTHA) referido ao ano 2011 onde sinala que a recadación fiscal representaba ese ano o 31,4 por cento do PIB, 7,4 pontos menos que a media europea e dicir, se a presión fiscal fora equiparada á media europea os ingresos incrementaríanse en 79.000 millóns de euros ao ano no conxunto do Estado español, “no Estado e en Galiza non existe un gasto público excesivo, ao contrario, o gasto por habitante é sensibelmente inferior á media Europa”.

O problema, dixo, existe no Estado español e esa é a fenda fiscal á que fai alusión o informe, froito dun sistema tributario inxusto.

Os impostos indirectos castigan aínda máis ás economías familiares

As rendas de traballo só representan o 46% das rendas totais do Estado español e a iso hai que sumarlle os impostos indirectos ao consumo que castigan gravemente sobre todo, ás rendas do traballo destinan unha grande parte ao consumo o que imposibilita o aforro.

Co que respecta a loita contra o fraude, hai que investigar tamén pequenas fraudes detectadas na evasión de grandes empresas das que ultimamente coñecemos abondosos exemplos, dixo, como a “razzia” iniciada polo Sr. Montoro na Axencia Tributaria cesando a unha inspectora por rexeitar un recurso dunha multinacional cementeira contra unha sanción por prácticas de elusión fiscal.

“O Sr Montoro, dixo, mentres isto acontece, lanza a Axencia Tributaria a que saqueen aos nosos emigrantes retornados”.

Finalmente, o portavoz parlamentario denunciou o recorte en investimento produtivo e gasto social e propuxo unha oficina de control orzamentario que faga o seguimento da execución das cantidades orzamentadas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG