parlamento galego

BNG demanda a xestión pública do transporte sanitario terrestre, unha mesa de traballo co persoal do sector para abordar o proceso e un estudo das necesidades e recursos

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado lamentou que, unha vez máis, o PP persista en manter un modelo  “precario e insuficiente” e impida que a sanidade pública asuma o servizo como xa acontece en  Baleares e a Rioxa, e en proceso en Cantabria e Nafarroa

A deputada propuxo que rematado o concurso do 061, sexa retirada a licitación e a empresa continúe mentres se prepara a reversión para a xestión pública do servizo 

A través dunha Proposición non de lei, a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado demandou “rescatar paulatinamente” o  transporte sanitario terrestre, e que pase a depender  da Xunta, na xestión, provisión e titularidade, incluíndo  o Transporte Sanitario Terrestre Urxente (061), Servizo de Atención Telefónica do 061 e o Servizo Programado de Ambulancias.

A proposta do BNG, defendida por Montse Prado tamén incluía  á  elaboración dun estudo para analizar  as necesidades de dimensionamento do
servizo, tanto no ámbito territorial como de recursos,  rematar cos déficits
históricos que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos  e constituír unha “mesa de traballo” coa presenza dos e das traballadoras para “abordar o novo deseño e  proceso de reversión ao sistema público”.

Tras saudar aos técnicos de emerxencias do Transporte sanitario terrestre que asistiron ao debate parlamentario dende a tribuna de convidados, a deputada do BNG  lembrou que o BNG defendeu diversas iniciativas denunciando  “a insuficiencia de recursos técnicos e a  situación dos traballadores e traballadoras”. A  resposta do Partido popular, dixo, sempre foi  mesma, “negar a realidade”.

Nesta liña, salientou que o Partido popular non “quixo escoitar” cando o BNG trasladou a  este Parlamento a morte dun veciño na Estrada e outro de Dozón, “sen que chegara a ambulancia a tempo, nin ás 3 persoas que faleceron  en Moaña, nunha semana, sen que as ambulancias do 061 estiveran dispoñibles para unha  atención urxente.

O PP repetiu  esta mesma actitude hai uns meses ante a morte dunha persoa no concello de Ponteareas  por  un infarto  e a tardanza de media hora da asistencia sanitaria, ou o falecemento doutra persoa no traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro nunha ambulancia sen dotación para  asistencia sanitaria, e  “unicamente cun condutor”.

O  PP persiste en  negar a realidade e a gravidade dos feitos.

A parlamentaria sinalou que existe un “importante déficit”  no transporte urxente en comarcas enteiras sen  dotación de Soporte Vital Avanzado entre as que destacou,  Valdeorras, Bergantiños, Baixo Miño, Barbanza, Lalín...  e nas localidades que  existe “son insuficientes” ante a  alta demanda.  Por outra banda, criticou a medida de poñer á disposición dos  técnicos e técnicas un teléfono para seren avisados “da demanda de servizos sen atender e a obriga de apurar”.

Os déficits nas ambulancias do servizo programado, engadiu a nacionalista, conlevan “tempos  e condicións  inaceptábeis  nos traslados”, con horas de demoras e  riscos pola tipoloxía de patoloxías dos doentes que partillan vehículo: doentes de diálises, que en moitos casos ven atrasado o traslado ao hospital para o seu tratamento ao igual que para rehabilitación, oncoloxía...con circuítos de recollida de varios doentes. Estas persoas, remarcou Montse Prado, “deben  agardar horas para ser trasladados de volta aos seus domicilios, ao igual que as  persoas ingresadas para acudir a tratamentos, traslado  a outros hospitais ou desde urxencias”.

Na actualidade, “a prestación do servizo de transporte sanitario terrestre está privatizado” e cun concurso a piques de rematar. Dende o BNG, afirmou a deputada, este servizo esencial “non pode estar en empresas privadas” cuxo obxectivo é exclusivamente acadar beneficios de aí, a nosa demanda para que o transporte sanitario terrestre sexa xestionado pola Xunta na provisión e titularidade e mentres non sexa posible conxelar a licitación e que a empresa continúe o tempo que dure o proceso de reversión.

A xestión a cargo da Sanidade pública é necesaria e posible

A deputada recalcou  que a reversión do servizo á xestión pública  so  depende, “da vontade política do PP” e puxo como exemplo  Baleares e a  Rioxa, e en proceso en Cantabria e Nafarroa.

O rural non merece unha atención sanitaria de segunda

O PP non pode continuar coa súa política de servizos low cost, “en  vez de dous técnicos un, en  vez de equipos completos de técnicos, facultativos e enfermería,  só un técnico e enfermería”. Esa é a conclusión que tiramos tras escoitar ao Conselleiro no último pleno no que nos informou que para a protección cardiovascular da poboación rural a alternativa é unha ambulancia convencional con base na Veiga “cun técnico e un disfribilador”, ou que diante da necesidade de protección de comarcas enteiras que non teñen nin unha soa ambulancia de soporte vital avanzado van incrementar as ambulancias cun técnico e un profesional de enfermería.

“O único que fai falla é vontade política, a vontade política de priorizar unha asistencia sanitaria de calidade, que protexa e dea tranquilidade á poboación e non o negocio privado”, concluíu a deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG