Davila afirma que "Non é un aforro, é unha quita de 33.000 millóns aos pensionistas"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou en relación ao tesourazo que o Goberno do PP vai facer nas contías das pensións de anos vindeiros que: “Non é un aforro, é unha quita de 33.000 millóns de euros aos pensionistas nos próximos anos”.

Davila ironiza co novo eufemismo do Goberno de Rajoy que “chama aforro ao que claramente é un importante recorte das pensións. Reduce as pensións, diminúe as contías no futuro”.

Critica que “baixo o falso argumento da sostenibilidade do sistema público de pensións van reducir enormemente os ingresos dos pensionistas. É evidente que non é para soster o sistema, senón para recortalo. O único obxectivo que ten o Goberno é non gastar en pensións, e moito menos en correspondencia co esforzo contributivo feito na vida laboral”.

Davila reprocha ao PP que “máis unha vez deixe ás claras que é un partido no que non se pode confiar, sempre fai o contrario do que promete o u do que dí”, e lembra que o PP se cansou de prometer en campaña eleitoral que nunca “tocaría as pensións”.

A deputada do BNG rexeita totalmente que se desliguen as pensións do IPC. “Outro factor que apuntala o camiño da rebaixa das pensións”. E respeito ao factor de sostenibilidade, Davila dílle ao Goberno que “se quer soster de verdade o sistema público de pensións, o que ten que garantir é a creación de emprego. Precísase máis traballo, e se hai máis traballo haberá máis cotizantes, reduciránse as cifras do paro, e ese é o círculo no que hai traballar, en lugar de meter un tesourazo nas pensións”.

É fundamental, recalca Davila, que “se cren postos de traballo porque a partir desa base, os beneficios para todo o sistema público e para a sociedade serán inmensos”. E desde logo, subliñou, a preservación do Estado de Benestar e a mellora do sistema público de pensións son unha prioridade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG