Davila solicita a comparecencia de Cañete pola exclusión total da frota galega de Mauritania

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia urxente do Ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, para que acuda á Cámara a explicar o fracaso das xuntas mantidas entre a UE e Mauritania en relación á exclusión da frota cefalopodeira galega.

Davila expresa a preocupación do BNG por “outra mostra de clara discriminación cara os barcos galegos, que nen siquera van participar na campaña científica experimental para o polbo no caladoiro mauritano”, a pesares de que foron científicos do Estado español, do IEO, que deseñaron o plan sobre o polbo coas probas aportadas polos cefalopodeiros galegos durante uns dous anos.

É preciso lembrar que o Acordo de Pesca UE-Mauritania deberá ser ratificado polo Parlamento europeo o vindeiro mes de outubro. O BNG rexeita de plano este Acordo pesqueiro porque “supón a exclusión absoluta dos 21 cefalopodeiros de Galiza, baixo argumentos e formulacións totalmente cuestionábeis, que non son rigurosos”.

Dado que se está xa nun calexón sen saída, a deputada do BNG tamén quer que Cañete acuda ao Congreso a explicar que xestións está a realizar ante a UE para asegurar traballo aos cefalopodeiros galegos noutros caladoiros. “Hai que evitar a toda costa que se condene á frota galega ao desguace, o fracaso de Mauritania debe ser compensado con outras posibilidades de pesca que garantan a viabilidade futura da nosa pesca”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG