A Eurocámara avala o ensino en galego

A Comisión de Cultura do Parlamento Europeo aprobou por unanimidade un informe  que insta á protección das linguas en perigo de desaparición e se pide aos Estados membros que promovan a súa aprendizaxe na escola desde idade temprana, mencionando especificamente o ensino en preescolar.

O Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea estivo coordinado polo eurodeputado do Grupo Verdes/ALE no que se integra o BNG, Francois Alfonsí, e será votado no Plenario de setembro.

O texto afirma que todas as linguas europeas son iguais en valor e dignidade, lembra a obriga establecida no Tratado de Lisboa de salvagardar o patrimonio cultural e lingüístico da UE e declara que a diversidade lingüística contribúe á cohesión social reforzando a autoestima e á adquisición de competencias interculturais.

Neste sentido, a Eurocámara anima tanto á Comisión Europea, -como Goberno da UE-, como aos Estados membros que adopten as políticas e os programas da UE para apoiar as linguas en perigo e a diversidade lingüística, utilizando os instrumentos comunitarios de apoio financeiro para o período 2014-2020. En particular, fai referencia aos programas para educación e formación, xuventude e deporte, o programa de cultura e medios de comunicación e os fondos estruturais, - como o Fondo de Cohesión e Fondo Social Europeo entre outros-, así como todos os instrumentos relacionados coas novas tecnoloxías e plataformas multimedios.

Para a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, un dos aspectos máis relevantes do informe "está na énfase coa que recomenda á Unión Europea apoiar medidas para favorecer a adquisición de dúas linguas maternas desde a infancia, citando expresamente a educación preescolar, e salientando que este tipo de programas favorece a adquisición posterior doutras linguas".

Igualmente, o informe demanda da Comisión Europea apoio ás accións destinadas a promover as linguas ameazadas e subliña a necesidade de contribuír a garantir a permanencia do Atlas das linguas do mundo iniciada pola UNESCO.

http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//NONSGML+COMPARL+PE-508.174+01+DOC+PDF+V0//ES&language=ES

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG